Nova concentración en A Coruña por unhas pensións dignas
Escrito por UGT Coruña-Cee   
jueves, 22 de febrero de 2018

   Nova concentración en A Coruña por unhas pensións dignas

Esta mañá, ás 12:00 horas, centos de persoas concentráronse diante do Obelisco da Coruña para protestar pola situación das pensións en España e contra a miserable subida do 0,25% das pensións para este ano. UGT denuncia que o Goberno fomenta os plans de pensións privados mentres recorta as pensións públicas. O sindicato considera fundamental protestar contra o  empobrecemento duns pensionistas que perden poder adquisitivo por segundo ano consecutivo e esixir un modelo público de pensións eficaz e eficiente que é incompatible coa reforma aprobada polo Partido Popular en 2013.

Con esta acción, os sindicatos tratan de xerar debate social na contorna da problemática sobre o presente e futuro das pensións neste país, a rede máis potente de protección social e que dá cobertura non só aos 9 millóns de persoas que perciben unha pensión, senón a moitas familias que a día de hoxe dependen delas. De feito, o 40 por cento das pensións cobren por completo as súas respectivas unidades familiares.

Non se trata só dun problema dos que perciben as pensións, senón que é un problema da sociedade no seu conxunto.

No punto no que se está actualmente, urxe unha volta á concertación sobre o modelo de pensións que se rompeu coa reforma das mesmas imposta polo PP no ano 2013 co fin de recuperar o futuro dunhas pensións dignas e terminar co empobrecemento dos pensionistas. Só un dato, hoxe o 40 por cento das pensións que se cobran en Galicia están na contorna dos 600 euros, xusto no limiar da exclusión social e da pobreza.

UGT demanda que se asegure o poder adquisitivo das pensións, erradicar o déficit da Seguridade Social, garantir o presente e futuro das pensións e que o Goberno atenda as iniciativas aprobadas no Parlamento para garantir o poder de compra das pensións. Neste contexto urxe derrogar a reforma de 2013 porque hai que asegurar a viabilidade do sistema, xa que o Goberno xa esgotou o Fondo de reserva e recorre a un indebido endebedamento da Seguridade Social, perdendo día a día os pensionistas poder adquisitivo.

UGT tamén demanda que se eliminen as subvencións con cargo á Seguridade Social, cuxo costo debe asumir xa o Estado. Así como, os gastos do sistema que deben pagarse cos Orzamentos Xerais do Estado e non con cotizacións. Entre outras medidas, para garantir o presente e futuro dunhas pensións dignas, UGT aposta por destopar as cotizacións. En definitiva, trátase de mellorar os ingresos do sistema, tanto os derivados de cotizacións como de ingresos fiscais.​

Modificado o ( jueves, 22 de febrero de 2018 )