FeSP-UGT denuncia que Medio Rural intenta desmantelar os servizos de prevención e extinción de lumes
Escrito por FSP-UGT   
viernes, 17 de junio de 2016

FeSP-UGT denuncia que Medio Rural intenta desmantelar os servizos de prevención e extinción de lumes de Galicia con políticas clientelares de contratación e precariedade laboral

 


A Federación de Empregados e Empregadas de Servizos Públicos de UGT-GALICIA (FeSP-UGT de Galicia) amosa a súa indignación polas recentes declaracións realizadas polo director xeral de Ordenación e Produción forestal da Consellería de Medio Rural no Parlamento que son unha mostra máis da política de desmantelamento dos servizos públicos que se pretende no eido desta Consellería.

Pero é que dende FeSP insisten en que estas últimas declaracións non fan máis que ratificar a liña de argumentacións que se ven mantendo dende Medio Rural, a prevención e extinción de incendios forestais como negocio e non como servizo público.

Lembrar que o director xeral manifestou no Parlamento que no eido das labores de loita contra os incendios forestais lles resulta “máis barato e eficiente” recorrer a empresas privadas que facelo a través dos medios públicos. De novo, o director xeral confunde o público, que debe ser servizo, co privado, que é beneficio.

A política contractual desenvolvida pola Xunta neste colectivo é unha mostra máis de que a Administración galega non aposta pola prevención e extinción dos lumes forestais como un servizo público de calidade difícil de manter cando non se prevé a ampliación de contratos dos traballadores da empresa pública Seaga, non se lles remunera conforme a ningún convenio colectivo e, polo tanto, sofren unhas condicións laborais e salariais deplorables.

De feito, non existe a intención de promocionar o servizo único de defensa contra incendios forestais, nin de mellorar os contratos en precario de tres meses do persoal tanto do SPDCIF como do SEAGA. O único que se fai é dar pasos atrás e cometer de novo os erros do pasado, fomentando a falta de profesionalidade coa contratación de brigadas dos concellos, que ao final, non son máis que redes de contratación feitas con poucos criterios profesionais e técnicos e que seguen na senda da precariedade laboral.

FeSP-UGT insta á Xunta a que se tome en serio, dunha vez por todas, a problemática dos lumes forestais, que todos os anos arroxa cifras indesexables de grandes extensións arrasadas polos lumes. Para isto, urxe acometer un servizo público forte e ben dotado, tanto dende o punto de vista de medios materiais como humanos; no que os seus traballadores teñan contratos estables e condicións dignas; en definitiva, un servizo estable que opere ao longo de todo o ano prestando atención non só á extinción no verán, senón tamén á prevención e coidado dos montes nos meses previos.

Modificado o ( viernes, 17 de junio de 2016 )