Concentración do profesorado
Escrito por FETE-UGT   
martes, 10 de mayo de 2011

A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN BLOQUEA 200 PRAZAS A TRAVÉS DO CONCURSO DE TRASLADOS POÑENDO EN PRÁCTICA UN NOVO RECORTE NA EDUCACIÓN EN GALICIA.

O mércores 11 de maio ás 12:00 horas FETE-UGT levará a cabo unha concentración de delegados/as diante da Consellería de Educación e fai un chamamento ao resto de Organizacións Sindicais e ao profesorado a secundar esta concentración como medida de rexeitamento ás políticas da Administración. 

No contexto actual de crise económica como o que vivimos FETE-UGT/Galicia reivindica o papel da Educación como un dos instrumentos fundamentais para conseguir saír desta, e para iso hai que afondar nun novo modelo produtivo sostible; o emprego e a actividade económica nútrense dun nivel educativo de calidade, que é a maior riqueza e o principal recurso dun país e da súa cidadanía. 

Para FETE-UGT/Galicia, o actual modelo de xestión á baixa da Consellería de Educación ameaza o mantemento dun dos alicerces básicos do noso Estado do Benestar, a Educación, reducindo o orzamento en 2011 nun 6.6%. Con este tipo de agresións ao ensino, a Consellería  esquece que existe un ineludible dereito á Educación.

A Educación non é materia mercantil é un dereito. O goberno galego amosa a súa total falta de implicación no desenvolvemento dun sistema educativo de calidade ao recortar o salario do profesorado, o seu poder adquisitivo, a redución da reposición do emprego público, e agora novamente leva a cabo un novo recorte podando 200 prazas a través da supresión no concurso de traslados. 

Co obxectivo de converxer coa media europea  retrocédese, reducindo o gasto público en relación ao Produto Interior Bruto; aumentar o gasto público total e o gasto público por alumno debe ser prioritario. 

Unha vez máis facemos un chamamento á Consellería de Educación solicitándolle un cambio de rumbo nas súas políticas. En tempo de crise é imprescindible priorizar.  A Educación non pode ser relegada é unha prioridade. A Consellería de Educación, con competencias plenas nesta materia, ten a obriga de ser o garante da educación en Galicia.

Modificado o ( martes, 10 de mayo de 2011 )