Inicio
 
     
Actualidade
O TXUE garante o dereito dos traballadores ás vacacións Imprimir E-Mail
Escrito por FSP   
lunes, 06 de abril de 2009

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea ampara aos traballadores e garante o dereito ás vacacións.


O Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en Sentenza ditada o 20-1-2009, estableceu o seguinte: 

Un traballador que non puidese gozar de toda ou parte das súas Vacacións Anuais Retribuídas por estar de baixa por Enfermidade ou Maternidade:  

1º. Conserva o dereito a gozar as Vacacións Anuais Retribuídas aínda despois de finalizar o ano natural e este dereito non pode suprimirse nin sequera mediante Leis dos Estados da Unión Europea.  

2º. Se finalizada a baixa por enfermidade ou maternidade, fose imposible gozar as Vacacións, por finalizar a relación laboral, o traballador ten dereito a Compensación Económica equivalente ás súas retribucións ordinarias...

1. O Dereito Comunitario garante o dereito dos traballadores ás "vacacións anuais retribuídas" (con independencia do seu estado de saúde) e o dereito á "licenza por enfermidade" (cando estea incapacitado polo traballo), a través da Directiva 2003/08 non permitindo ningún tipo de excepcións.
 

2. Segundo o artigo 7, apartado 1, da Directiva 2003/88, os traballadores dispoñerán dun período de polo menos 4 semanas de vacacións anuais retribuídas. Polo tanto, este dereito a vacacións anuais retribuídas -que, segundo a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, debe considerarse un principio do Dereito social comunitario que reviste especial importancia- recoñécese a todo traballador, con independencia do seu estado de saúde.

3. Un permiso garantido polo Dereito Comunitario non pode menoscabar o dereito a gozar doutro permiso garantido por ese mesmo Dereito (Sentenzas Merino Gómez, apartados 32 e 33; de 14-4-2005, Comisión/Luxemburgo, C-519/03, Rec. P. l-3067, apartado 33, e de 20-9-2007, Kiiski, C-116/06, Rec. P. l-7643, apartado 56).

4. Os traballadores teñen dereito a gozar das súas Vacacións Anuais Retribuídas nun período distinto ao ano natural en curso, se non puido gozar das súas vacacións por motivos alleos á súa vontade.

5. Un traballador que durante todo o período de remuneración das vacacións anuais e ao longo do período de prórroga fixado polo Dereito Nacional, se encontrase en situación de baixa por enfermidade, veríase privado de gozar as súas Vacacións Anuais Retribuídas, polo que terá dereito a gozar destas unha vez finalizada a baixa por enfermidade. 

6. O dereito a Vacacións Anuais Retribuídas non se extingue ao finalizar o período de remuneración das vacacións anuais e/ou o período de prórroga fixado polo Dereito nacional, cando o traballador se encontre en situación de baixa por enfermidade durante a totalidade ou parte do período de remuneración e non teña efectivamente a posibilidade de exercitar este dereito que a Directiva 2033/88 lle recoñece.

7. Unha vez finalizada a relación laboral, xa non resulta posible gozar de modo efectivo as Vacacións Anuais Retribuídas. Co fin de evitar que, como consecuencia desta imposibilidade, o traballador quede privado de todo desfrute do mencionado dereito, mesmo en forma pecuniaria, o artigo 7, apartado 2, da Directiva 2003/88 prevé que o traballador terá dereito a unha compensación económica.

8. Cando se trate dun traballador que, por razóns alleas á súa vontade, non estivese en condicións de exercitar o seu dereito a Vacacións Anuais Retribuídas antes de que finalizase a relación laboral, a compensación económica á que ten dereito deberá calcularse de modo que o referido traballador ocupe unha situación comparable a aquela na que se tería encontrado se tivese exercitado o mencionado dereito durante a súa relación laboral. Diso séguese que a retribución ordinaria do traballador, que é a que debe manterse durante o período de descanso correspondente ás vacacións anuais retribuídas, resulta así mesmo determinante para o cálculo da compensación económica en concepto de Vacacións Anuais Retribuídas non gozadas ao finalizar a relación laboral.


9. Os mesmos dereitos teñen as traballadoras que estivesen de baixa por maternidade.

 

Modificado o ( lunes, 06 de abril de 2009 )
 
< Anterior   Siguiente >