Inicio arrow Saúde Laboral arrow A sinistralidade laboral sube un 9,17% no último ano en Galicia
 
     
Actualidade
A sinistralidade laboral sube un 9,17% no último ano en Galicia Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Galicia   
miércoles, 25 de abril de 2018

A sinistralidade laboral sube en Galicia no último ano un 9,17% e as enfermidades profesionais nun 8,6%A sinistralidade laboral sube un 9,17% no último ano en Galicia

28 de abril, Día internacional da saúde e seguridade no traballo

Un ano máis, este 28 de abril, convértese nunha data na que os sindicatos van alzar a súa voz en lembranza e recoñecemento público de todas as persoas traballadoras vítimas dun accidente laboral ou dunha enfermidade profesional. Esta data tamén serve para denunciar e poñer en evidencia que os danos derivados do traballo son evitables e que tanto as empresas como as administracións teñen grandes responsabilidades nesta materia. No 2018, o 28 de abril UGT o celebra baixo o lema “Traballo seguro: é a túa saúde, é o teu dereito”.

 

22 anos despois da publicación da Lei de prevención de riscos laborais, constátase que gran parte dos seus obxectivos están aínda pendentes. Esta situación de incumprimentos agudizouse polas políticas de axuste impostas polos gobernos do PP en Madrid e en Galicia, sobre todo, pola reforma laboral.De feito, dende o 2013, coincidindo coa entrada en vigor da Reforma Laboral, Galicia sufriu un constante incremento da sinistralidade laboral. Neste período faleceron 267 traballadores en accidente de traballo en Galicia, presentando esta Comunidade un índice de accidentes mortais un 71% superior á media do Estado.

2017 supuxo o quinto ano consecutivo de incremento da sinistralidade laboral en Galicia, cun aumento dos accidentes no traballo entre 2013 e 2017 dun 19,86%. E o 2018, segundo os últimos datos dispoñibles referidos aos meses de xaneiro e febreiro, arranca coa mesma tendencia, con 4.449 accidentes rexistrados, fronte aos 4.074 do 2017 neste mesmo período.

E, todo isto, a pesar da deficiencia e interesada catalogación dos accidentes: accidentes con graves consecuencias e longos períodos de recuperación notificados como leves e accidentes leves que non se rexistran. Figuras como o “descanso preventivo” ou os "permisos retribuídos”, que ocultan accidentes sen notificar, esténdense polas empresas deste país. E o que é peor, cada vez máis traballadores renuncian ao seus dereitos para recuperar a saúde por medo a perder o seu posto de traballo...

NO 2017 REXISTRÁRONSE EN GALICIA 27.286 ACCIDENTES LABORAIS

No ano 2017 en Galicia rexistráronse un total de 27.286 accidentes laborais, fronte aos 24.994 de 2016, un 9,17% máis que no 2016. Deste total, 43 foron mortais, 437 graves e 26.806 de carácter leve.

Por sectores, en cifras absolutas, o servizos é o que máis sinistros rexistra, 13.436. Non obstante, os maiores incrementos danse na construción, cun aumento do 14,17% en relación ao ano anterior, aínda que os incrementos son bastante elevados en todos, dun 8,32% na agricultura; 12,89% na industria; e 7.09% no sector servizos; salvo na pesca onde baixaron os sinistros nun 4,43%.

NO SECTOR DA CONSTRUCIÓN PÁSASE DE 5 FALECIDOS NO 2016 AOS 13 NO 2017

Destaca, pola súa negatividade, o forte incremento do número de falecidos no sector da construción, de 5 a 13 persoas, o que supón unha suba dun 160%.

A SINISTRALIDADE MEDROU EN TODAS AS PROVINCIAS PERO EN PONTEVEDRA A SUBA FOI DE CASE UN 19% E DUN 12,5% NO CASO DOS ACCIDENTES MORTAIS

Por provincias, aclarar que a sinistralidade medrou en todas, destacando o caso de Pontevedra, onde a suba foi dun 18,83%; o incremento foi dun 9,08% en Ourense; dun 4,85% en Lugo; e dun 3,27% en A Coruña. Ademais, na provincia de Pontevedra tamén se rexistra unha suba da sinistralidade de carácter mortal, ao pasar de 16 a 18 persoas falecidas, un incremento dun 12,5%. Acompañado isto nesta mesma provincia dun aumento dos accidentes leves, dun 19,6%, ao pasar de 8.007 no 2016 aos 9.576 no 2017.

EN LUGO O NÚMERO DE SINISTROS GRAVES INCREMÉNTASE NUN 19,35%

No relativo aos accidentes graves, destaca o caso de Lugo onde o aumento foi dun 19,35%, de 62 a 74 sinistros.

Como se apuntaba en parágrafos precedentes, a tendencia ao incremento se mantén nos dous primeiros meses do ano 2018, ao pasar de 4.015 accidentes no 2017 aos 4.449 de 2018. Deste total, 4.377 foron accidentes de carácter leve, 68 graves e 4 mortais.

OS ACCIDENTES “IN ITINERE” SOBEN PROGRESIVAMENTE ANO TRAS ANO

A análise non pode esquecerse tampouco dos accidentes “in itinere” que soben progresivamente. Se no 2014 rexistrábanse 2.759; no 2015 foron 2.762; no 2016 un total de 2.895; e no 2017 ascendeu a cifra a 3.044. E, xa nos dous primeiros meses de 2018 van 522 accidentes “in itinere” rexistrados en Galicia, fronte aos 475 que se sucederon nos dous primeiros meses de 2017. De novo, é a provincia de Pontevedra a que rexistra unhas cifras máis elevadas, con 236 sinistros rexistrados.

INFRADECLARACIÓN DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS QUE PROVOCA QUE O SEU CUSTE SEXA ASUMIDO POLO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE E NON POLAS MUTUAS

Outra das pezas deste quebracabezas son as enfermidades profesionais que supoñen un custe para o Sistema público de saúde e para os traballadores. Aínda que se produce un aumento na declaración das enfermidades profesionais, UGT-Galicia considera que aínda se produce unha infradeclaración das mesmas porque moitas enfermidades que teñen orixe laboral non son consideradas como tal. Así é o caso das enfermidades profesionais de orixe multicausal e non exclusivo do traballo, como é o caso dos cancros e as enfermidades cardiovasculares. Ademais, no cadro español de enfermidades profesionais non se inclúe ningunha relacionada coa organización e a carga de traballo.

Dende UGT-Galicia insístese en que esta infradeclaración das enfermidades profesionais provoca que o custe da súa xestión sexa asumido polo Sistema público de saúde, en lugar de polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.

Ademais, segue a rexistrarse unha alta porcentaxe de enfermidades profesionais declaradas sen baixa. UGT considera que isto pode deberse máis ao temor á perda do emprego na situación actual que á aplicación de medidas preventivas no seno das empresas e, por suposto, ao endurecemento das condicións para prescribir a baixa que aplican as mutuas.

SERVIZOS E INDUSTRIA AGLUTINAN A PORCENTAXE MÁIS ELEVADA DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS

No 2017 declaráronse en Galicia un total de 1.491 enfermidades profesionais, un 8,6% máis que no 2016. Deste total, a gran maioría danse nos sectores servizos (629) e na industria (750). 25 foron na agricultura, 20 na pesca e 67 na construción.

AS MULLERES GALEGAS SOFREN MÁIS AS ENFERMIDADES PROFESIONAIS QUE OS HOMES

Por xénero, dentro das enfermidades profesionais con baixa, destaca que se rexistra unha declaración superior no caso das mulleres (441), fronte ás 404 dos homes. Isto, a pesar da menor presenza das traballadoras no eido laboral.

Concretamente, tanto no caso dos homes como das mulleres as enfermidades do grupo II nos sectores da industria e servizos son as máis declaradas. O grupo II refírese ás causadas por axentes físicos. A gran maioría son orixinadas por trastornos músculo esqueléticos que, sobre todo, afectan ás costas, pescozo, ombreiros e extremidades superiores. Nos casos máis crónicos poden derivar en discapacidade ou imposibilidade para traballar.

A GRAN LACRA SON OS TRASTORNOS MÚSCULO ESQUELÉTICOS

UGT-Galicia considera que urxe atoparlle unha solución ao problema que xeran os trastornos músculo esqueléticos. Empezando por previr nas empresas a orixe do risco, realizando avaliacións ergonómicas, implantando medidas preventivas e informando e formando, tanto aos traballadores e traballadoras, como aos seus representantes.

O Sindicato insiste na importancia de conseguir un recoñecemento e declaración efectiva das enfermidades profesionais. Unha cuestión importante para todos, para a empresa, porque a prevención supón un aforro e non un custe, e para os propios traballadores, primeiro pola súa saúde e pola propia economía familiar, xa que un traballador enfermo recibirá un subsidio menor se ten recoñecida a súa enfermidades como continxencia común en lugar de como continxencia profesional.

Modificado o ( miércoles, 25 de abril de 2018 )
 
Siguiente >
 
DESTACADOS
ASESORÍA
EN REDE