Inicio
 
     
Actualidade
UGT e CCOO reclaman ás administracións que retomen as negociacións sobre salarios e emprego público Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Coruña-Cee   
lunes, 20 de noviembre de 2017

UGT e CCOO reclaman aos gobernos central e galego retomar a negociación sobre salarios e emprego público

A Federación de empregadas e empregados dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) e a Área Pública de CCOO acordaron iniciar unha campaña conxunta de mobilizacións baixo o lema “Agora: salarios, emprego público e dereitos”, que se presentou hoxe en rolda de prensa en Santiago. O calendario de mobilizacións comezará o venres día 24 de novembro con concentracións de delegadas e delegados en A Coruña (Delegación do Goberno), Lugo, Ourense e Pontevedra (nestes casos fronte ás respectivas subdelegacións do Goberno) a partir das 11.30 horas. Do mesmo xeito que se vai facer no resto do Estado nas capitais de provincia.

 
Ambas organizacións manteñen, non obstante, a súa disposición ao diálogo e diríxense ao Ministerio de Facenda e Función Pública e á Xunta de Galicia, así como aos concellos, para que abran un espazo de negociación real nos seus respectivos eidos e segundo as súas competencias. Todo isto debería ter efectos nos Orzamentos para o 2018 para cada unha das administracións. No caso do Estado, os dous sindicatos entenden que non pode ser un impedimento para elo a propia prórroga dos Orzamentos, pois hai antecedentes. En 1990 e 1996, por exemplo, introducíronse melloras nas leis de presupostos, en materia salarial, de emprego ou outras condicións laborais...
 
CCOO e UGT reclaman que se recupere a negociación colectiva en todas as administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación, acción social...
 
En materia de emprego, e partindo do Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de estabilidade asinado en outubro coa Xunta, as dúas organizacións cren que os Acordos debe ampliarse e consolidarse, tanto no desenvolvemento do proceso de estabilización -para reducir a temporalidade nas administracións públicas-, como na eliminación da taxa de reposición que permita non só recuperar os 16.300 empregos públicos perdidos en Galicia dende o 2011, senón que asente tamén as bases para a creación neta de emprego.
 
En canto a salarios, UGT e CCOO cren que as empregadas e empregados públicos deben verse recoñecidos no esforzo que se lles esixiu para contribuír ao equilibrio presupostario e á redución do déficit público, como así o expresaron en reiteradas ocasións os propios Gobernos. É por elo que esixen o recoñecemento da débeda salarial que se ten contraída co conxunto de persoas que traballan para o sector público e que se inicie a senda progresiva da recuperación salarial, con cláusula de garantía salarial, para recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos -aproximadamente un 13 por cento dende 2010-.
 
A defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos é unha prioridade na acción sindical de CCOO e UGT, non só polo dereito que lles asiste como traballadoras e traballadores, senón tamén pola necesidade de reforzar os servizos públicos, por canto supón para a mellora da calidade de vida da cidadanía, en termos de igualdade e cohesión social, sendo as empregadas e empregados públicos os garantes delo.
 
Con estas mobilizacións iníciase a campaña conxunta de UGT e CCOO, “Agora: salarios, emprego público e dereitos”, que terá continuidade o 14 de decembro cunha concentración estatal en Madrid, e concentracións en Galicia no período de debate e aprobación dos Orzamentos da Xunta de Galicia, e que de ser preciso continuará o vindeiro ano.
Modificado o ( lunes, 20 de noviembre de 2017 )
 
< Anterior   Siguiente >