Inicio
 
     
Actualidade
Pensións Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Galicia   
viernes, 16 de septiembre de 2016

UGT advirte que a difícil situación do sistema público de pensións conducirá ao impago da extra de nadal de 2017UGT advirte que a difícil situación do sistema público de pensións conducirá ao impago da extra de nadal de 2017

A Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia presentou en Santiago ante os medios de comunicación a campaña “Non te quedes parado!. A túa pensión é o teu dereito, o teu benestar e o dos teus. Deféndea!” que o Sindicato está a desenvolver en todo o Estado e que ten como obxectivo concienciar a políticos e á cidadanía en xeral da situación do Sistema público de pensións e dos xubilados e pensionista.

 Unha situación que o  secretario de Política sindical, Emprego e Seguridade Social de UGT-Galicia, Luís Baneira, cualificou como moi preocupante, ata o punto de que, alertou, de seguir sen correxirse a actual conxuntura non haberá fondos suficientes para asumir a paga extraordinaria dos pensionistas españois no nadal do ano 2017. O Sindicato considera alarmante que nunha situación económica tan difícil como a que continúa a vivir este país e nunha conxuntura política preocupante ninguén sitúe na axenda do día o debate sobre o sistema público de pensións e da Seguridade Social en xeral...

Baneira explicou que resulta incomprensible como ao sistema público de pensións é ao único  “gran instrumento de política de Estado” ao que se lle esixe continuamente o seu autofinanciamento e, incluso, superávit. O resto das grandes políticas de Estado sempre son deficitarias e asumidas vía orzamentos xerais do Estado, como por exemplo os gastos en infraestruturas.A historia reflicte que o sistema é viable e ten futuro. Se ben é certo que a longa crise que está a vivir este país e certas medidas políticas adoptadas unilateralmente polo PP nestes últimos anos o están debilitando. Polo que urxe un gran pacto de Estado, entre partidos políticos, empresarios e sindicatos en materia de pensións....

Este é un sistema que ten unha vida de máis de 60 anos e que durante 50 anos foi capaz de sustentarse e con superávit. O problema é que este superávit non se preservou como se debería e que, coa chegada da crise, a situación do sistema comeza a ser deficitaria. Pero o lóxico é que se durante moito tempo botouse man do exceso para financiar outras necesidades do Estado agora chegou o momento de botar man dos Orzamentos Xerais do Estado para solventar os buracos pola baixada de ingresos.

Isto esixe dun gran Acordo de Estado, no que se adopten medidas pactadas que garantan o funcionamento do sistema goberne quen goberne. Pero un Pacto que ten que chegar xa. Polo que UGT esíxelle aos partidos políticos que teñan altura de miras para solucionar un problema que afecta a toda a sociedade, non só aos pensionistas actuais, senón aos que veñan no futuro e aos milleiros de familias que a día de hoxe viven ao amparo dunha pensión neste país.

En España hai máis de oito millóns de pensionistas que en moitas ocasións son o último recurso económico de familias enteiras. Isto con pensións que, no 50 por cento dos casos, están por debaixo do SMI, e o 70 por cento do total non chega aos 1.000 euros.

O 54 POR CENTO DAS PENSIÓNS GALEGAS ESTÁN POR DEBAIXO DO SMI

O secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia, Valentín Tato, fixo fincapé en que en Galicia, coa pensión media máis baixa do Estado, evidentemente, a realidade é peor aínda. O 54 por cento das pensións están por debaixo do SMI e se a isto lle sumamos copagos farmacéuticos ou sanitarios provoca situacións límite para moitos pensionistas. Ademais, hai que ter en conta que un terzo dos fogares galegos susténtanse con pensións. Precisamente, UGT considera que foi este o colchón que evitou que durante a crise non se producise unha explosión social.

Baneira e Tato informaron que a campaña, que arrancou o pasado día 6 de setembro, escenificarase nas rúas das principais vilas e cidades galegas co reparto de dípticos e con mesas informativas coas que se intentará concienciar á cidadanía da grave situación que está a vivir o sistema público de pensións e que urxen solucións xa.

AUMENTAR OS INGRESOS E ESTABLECER UNHA VÍA DE FINANCIAMENTO DAS PENSIÓNS CON IMPOSTOS

Solucións que para UGT pasan por establecer novas fontes de financiamento da Seguridade Social e reforzar as actuais; esixir que se efectúen os ingresos no fondo de reserva dos excedentes daqueles exercicios en que non foron ingresados; imposibilitar a libre disposición polo Goberno de cantidades procedentes do Fondo de reserva da Seguridade Social; recuperar o consenso sobre o sistema de pensións no marco do Pacto de Toledo; e a derrogación da reforma das pensións (Lei 23/2013, reguladora do factor de sostibilidade e do índice de revalorización).

A BASE DA SOSTIBILIDADE DO SISTEMA ESTÁ NA CREACIÓN DE EMPREGO DE CALIDADE, ESTABLE E CON SALARIOS DIGNOS

Ademais, tamén é necesario recuperar o IPC como garantía do mantemento do poder adquisitivo anual das pensións; recuperar a compensación pola desviación sobre o IPC previsto, tal e como existía antes do ano 2012; que o Estado asuma os gastos de administración da Seguridade Social; que os incentivos á contratación salgan do Orzamentos Xerais do Estado e non sexan sufragados como ata agora polo sistema de pensións; a derrogación da reforma laboral, causa do afundimento das cotizacións; e, sobre todo, este país precisa que, xa, dunha vez por todas, se cree emprego de calidade, estable e con salarios dignos, base da sostibilidade do sistema de pensións.

Modificado o ( viernes, 16 de septiembre de 2016 )
 
< Anterior   Siguiente >