Inicio
 
     
Actualidade
Máis da metade das pensións galegas están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euro Imprimir E-Mail
Escrito por UGT CORUÑA   
miércoles, 27 de julio de 2016
Máis da metade das pensións galegas están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euros ao mes

Máis da metade das pensións galegas están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euros ao mes

 Un terzo dos fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos.

 UGT  denuncia que máis da metade das pensións galegas sitúanse por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional de 655 euros ao mes, esta é una situación que no resto de España non chega ao 40 por cento. UGT insta aos partidos políticos a recuperar o consenso do Pacto de Toledo para reforzar e garantir o Sistema Público de Pensións, elemento esencial para o crecemento da nosa economía e dun modelo social xusto e eficaz.

En Galicia 256.082 pensións de xubilación teñen unha contía mensual de menos de 655,19 euros. Estas pensións representan o 54,7% do total, é dicir de xeito maioritario as pensións na comunidade son inferiores a 655 euros. No conxunto do Estado o peso deste tramo de pensións acada o 39,3%, non chegan a supoñer unha maioría, son máis de 15 puntos de diferenza entre ambos escenarios...

As reformas sobre pensións que o Goberno do Partido Popular levou a cabo durante esta última lexislatura debilitaron intencionadamente a nosa Seguridade Social. Como consecuencia das devanditas reformas, considérase que, a medio e longo prazo, de media, os pensionistas verán reducida a súa pensión entre un 15% e un 26%.

Pero a peor cobertura das contías das pensións en Galicia respecto ao conxunto de España segue reflectíndose se analizamos un tramo máis amplo. Así, o número de pensións de xubilación por debaixo de 1.000 euros ao mes, incluíndo así o tramo anterior, acada o 73,1% en Galicia e no Estado o 60,6%.

A medida que subimos nos tramos de pensións obsérvase que o número diminúe. Entre 1000 e 2.000 euros ao mes atópanse o 19,6% das pensións. E por último, tan só o 7,3% das pensións superan os 2.000 euros ao mes.

Esta é unha situación preocupante, cando a perda de emprego converte aos maiores como o principal sustentador dos fogares.

Segundo datos do IGE 303.666 fogares galegos teñen como sustentador principal a persoas de máis de 65 anos (o total de fogares ascende a 1.060.976)

UGT considera urxente buscar alternativas de ingresos para a Seguridade Social, como incrementar empregos estables e salarios ou establecer cotizacións que contribúan ás arcas da Seguridade Social para os equipos tecnolóxicos que substitúen a traballadores de carne e oso. A destrución de empregos e a perda de cotizantes que están traendo as novas tecnoloxías é necesario compensala con cotizacións para o sistema público de pensión por estes equipamentos.

En 5 anos, de 2011 a 2015, as pensións menores de 1.000 euros só gañaron un 0,1%, practicamente estabilizáronse, e as de maior contía perderon un 3,8% do seu poder adquisitivo. Unha situación á que hai que sumar medidas que repercutiron directamente sobre o peto dos pensionistas, como o copago sanitario, ou o incremento do desemprego, que converteu a moitos dos nosos pensionistas na única fonte de ingresos dos seus fogares.

As diferentes reformas que o Goberno impuxo sobre a pensión de xubilación e a revalorización das pensións (lagoas de cotización, factor de sustentabilidade, xubilación anticipada e parcial ou novo Índice de revalorización) están dirixidas a provocar unha importante redución na contía da pensión e unha perda constante do poder adquisitivo dos pensionistas.

En definitiva, as reformas abordadas polo Goberno nesta lexislatura dirixíronse a erosionar, menoscabar e deteriorar o noso Sistema de protección social; a producir unha perda de confianza na sociedade, co obxectivo de reducir o noso sistema de pensións a un simple provedor de pensións mínimas e facilitar o desembarco dos fondos privados de pensións na xestión da Seguridade Social.

Para UGT é necesario e urxente outro goberno, que teña como prioridade soster e non socavar e privatizar o sistema de pensións. Son necesarias outras políticas que teñan como obxectivo reforzar o sistema de pensións e garantir unha Seguridade Social universal, pública, xusta, igualitaria e solidaria, que proporcione prestacións suficientes, preveña as desigualdades e evite as discriminacións sociais. Todo o contrario do feito polo Goberno nestes 4 últimos anos. 

Modificado o ( viernes, 16 de septiembre de 2016 )
 
< Anterior   Siguiente >