Inicio
 
     
Actualidade
As mulleres non traballan en igualdade de condicións cos homes, non cobran o mesmo nin hai un repart Imprimir E-Mail
Escrito por igualdade   
miércoles, 02 de marzo de 2016

UGT-Galicia denuncia que as mulleres non traballan en igualdade de condicións cos homes, non cobran o mesmo nin hai un reparto equilibrado na atención ás responsabilidades familiares

 

marzo, Día internacional da muller traballadora

A crise, cos seus recortes, e a ausencia de actuacións públicas afastan á sociedade galega cada vez máis da igualdade entre homes e mulleres

 Os efectos da crise, as reformas laborais e os recortes impostos, xunto coa omisión de actuacións públicas que realmente contribúan a avanzar na igualdade entre mulleres e homes provocan un afastamento cada vez maior da igualdade laboral entre homes e mulleres. Este crecemento da desigualdade e a discriminación das mulleres tradúcese nun empobrecemento cada vez maior das mesmas. As mulleres non traballan en igualdade de condicións cos homes, nin cobran o mesmo, nin hai un reparto equilibrado entre homes e mulleres na atención ás responsabilidades familiares.

 

CALQUERA MELLORA DO MERCADO LABORAL SEGUE PERPETUANDO AS DIFICULTADES ESTRUTURAIS PARA AS MULLERES

O informe deixa claro que calquera mellora do mercado laboral, por leve que sexa, segue perpetuando as dificultades estruturais para as mulleres.


AS MULLERES GALEGAS TEÑEN TAXAS DE ACTIVIDADE E OCUPACIÓN INFERIORES ÁS DOS HOMES E AS DE PARO SON SUPERIORES

Segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), referidos ao ano 2015, a muller galega ten unha taxa de actividade dez puntos inferior á dos homes; a taxa de ocupación é 8,7 puntos inferior; e a de paro 1,3 puntos por enriba a das mulleres en relación á dos homes. Se ben no ano 2014 non existían diferenzas entre a taxa de paro masculina e feminina, do 21,6 por cento entre os homes e do 21,7 por cento entre as mulleres, por mor da crise que as igualou, xa no 2015, volve a aumentar o diferencial e, de novo, as mulleres saen prexudicadas.

Por sectores, a ocupación das mulleres concéntrase no sector servizos, co 84,9 por cento do total da ocupación feminina. Pola contra, o 34 por cento dos homes están ocupados na Industria e na Construción.

O informe tamén reflicte que hai unha maior propensión ao emprego por conta propia no caso dos homes, representando o 24,3 por centro, fronte ao 18 por cento no caso das mulleres.


NO SECTOR PÚBLICO, NO QUE TRADICIONALMENTE SON MAIORÍA AS MULLERES, NO 2015 DOS 5.000 EMPREGOS CREADOS, 4.100 FORON PARA HOMES

Curiosamente, un sector como o do emprego público no que tradicionalmente son maioría as mulleres, no último ano, no 2015, dos 5.000 empregos creados, 4.100 foron para homes e o resto para mulleres. Un exemplo máis de que a tímida recuperación vai escorada cara os homes.

No sector privado, as mulleres continúan infrarrepresentadas, o 45,4 por cento do total, e no último ano o 54 por cento do emprego creado corresponde ao sector masculino.


O 92,7 POR CENTO DA CONTRATACIÓN REXISTRADA ENTRE AS MULLERES NO 2015 FOI TEMPORAL

No relativo á modalidade de contratación, evidénciase que a reforma laboral non conseguiu modificar a temporalidade na contratación. O 92,7 por cento da contratación rexistrada entre as mulleres no ano 2015 foi temporal. A contratación indefinida feminina, reduciuse máis que a masculina no último ano.


O TEITO DE CRISTAL IMPIDE QUE AS MULLERES CHEGUEN A POSTOS DE RESPONSABILIDADE

Un ano máis, hai que denunciar que o chamado teito de cristal continúa impedindo ás mulleres acadar postos de responsabilidade. A pesar de ter a muller un forte protagonismo nos postos técnicos e profesionais científicos e intelectuais, cifrada esta nun 20 por cento, tan só o 2,5 por cento da poboación feminina ocupada chega á dirección ou xerencia dalgunha empresa. Se se atende á participación das mulleres nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35, constátase a mínima presenza feminina, xa que só representan o 9,32 por cento do total dos postos de dirección.


A IGUAL FORMACIÓN, OS HOMES ACADAN MAIORES TAXAS DE OCUPACIÓN

De novo, a balanza inclínase a favor dos homes cando se cruzan as variables formación e ocupación. A igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación que as mulleres. Por exemplo, a taxa de ocupación entre as mulleres con estudos superiores é do 67,8 por cento, fronte ao 69,6 por cento no caso dos homes.

A taxa de desemprego feminina volve ser superior á masculina e increméntase o diferencial entre elas. Mentres nos anos 2012 e 2013, como consecuencia da maior perda de emprego en sectores fortemente masculinizados e afectados pola crise, a taxa de paro masculina era superior á feminina, de novo, no 2014 cambia a tendencia e no 2015 acrecéntase.

Os datos así o evidencian. No 2011 a taxa de paro era do 16,6 por cento entre os homes e do 18,1 por cento entre as mulleres. No 2012 cámbiase a tendencia, pasa a ser do 20,8 por cento entre os homes e do 20,2 por cento entre as mulleres; no 2013, do 22,3 por cento entre os homes e do 21,7 por cento entre as mulleres; xa no 2014, iguálase, do 21,6 por cento entre os homes e do 21,7 por cento entre as mulleres; pero é que xa no 2015 volve a ser a taxa de paro entre as mulleres superior á dos homes, 20 por cento fronte ao 18,7 por cento.

Lonxe de aproveitar a leve creación de emprego para subsanar as diferenzas existentes no mercado laboral, dende a perspectiva de xénero, constátase que, de novo, as mulleres quedan fóra deste cambio.


ÁS MULLERES CÓSTALLES MÁIS BAIXAR DO CARRO DO PARO DE LONGA DURACIÓN E PERCIBEN MENOS PRESTACIÓNS CONTRIBUTIVAS

O comportamento e evolución do desemprego de longa duración tamén é máis negativo para as mulleres. Se no 2015, en relación ao ano anterior, baixou nun 6,6 por cento o número de homes que levan máis de dous anos na procura de emprego, no caso das mulleres esta redución non superou o 1,2 por cento. Hai 50.200 mulleres que levan máis de dous anos en situación de desemprego e na procura dun posto de traballo, polo que xa non teñen dereito a prestación contributiva.

Precisamente, en materia de prestacións por desemprego constátase que 72.298 mulleres en situación de desemprego non perciben prestación contributiva, fronte a 47.482 homes. Quedando así as porcentaxes de cobertura nun 57 por cento no caso dos homes e dun 43 por cento no caso feminino.


AS RENUNCIAS LABORAIS A PROL DA ATENCIÓNS ÁS NECESIDADES FAMILIARES DANSE MAIORITARIAMENTE ENTRE AS MULLERES

Os datos analizados hoxe tamén seguen a constatar que as mulleres son as que maioritariamente renuncian a participar no mercado laboral para adicarse á atención das responsabilidades familiares, xa que, segundo a Enquisa de poboación activa do IGE-INE, o 4,8 por cento das mulleres, fronte ao 0,6 por cento dos homes responden que non están traballando nin están buscando emprego por ter que coidar de nenos, persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores. O mesmo sucede no caso das mulleres que responden que non traballan nin están buscando traballo por ter que atender responsabilidades familiares ou persoais, un 10,5 por cento fronte a tan só o 1,5 por cento de homes.

En canto aos salarios, como xa se denunciou o pasado día 22, a brecha entre homes e mulleres segue aí e non se supera. O último dato dispoñible apunta ao 23,4 por cento en Galicia e dende o ano 2008 a fenda salarial aumentou en 2,3 puntos.


AS REFORMAS LABORAIS E POLÍTICAS DE AXUSTE INTRODUCEN MEDIDAS QUE POÑEN MÁIS TRABAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL

Que as mulleres continúan asumindo a maioría das responsabilidades familiares é un feito innegable. Non obstante, dende o ámbito público, en vez de adoptar as medidas que minimicen as consecuencias que isto ten no acceso e mantemento do emprego feminino, a través das reformas laborais e medidas de axuste introducíronse medidas que, de novo, dificultan a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A isto hai que engadirlle as políticas de recorte no gasto público que implican diminución de servizos, como o coidado de persoas dependentes ou o fomento da corresponsabilidade. Á precariedade nas condicións laborais hai que sumarlle a paralización e retroceso das medidas en materia de conciliación.


A XORNADA A TEMPO PARCIAL TEN CARA DE MULLER

Precisamente, unha das consecuencias no eido laboral da asunción das responsabilidades en materia de conciliación por parte das mulleres é o feito de que a xornada a tempo parcial sexa máis utilizada polas mulleres, no 76 por cento dos casos. En relación ao total de persoas ocupadas de cada sexo, o 23,1 por cento das mulleres e o 6,5 por cento dos homes.

Dende o ano 2014 aumentan en 3.800 as ocupadas a tempo parcial e tan só en 1.500 as que teñen unha modalidade contractual de tempo completo. Non obstante, no caso dos homes contráese en 100 menos.

Atendendo ás razóns polas que as persoas din que accederon a un contrato a tempo parcial, en vez de xornada completa, máis do 94 por cento das que contestan que o fan para facilitar o coidado de nenos e nenas, persoas adultas enfermas ou maiores son mulleres, fronte ao 5,4 por cento de homes.

Tamén resulta significativo que, das persoas que responden que traballan a tempo parcial por non poder atopar un emprego a tempo completo, o 74,3 por cento son mulleres e o 25,7 por cento son homes.


O 63,8 POR CENTO DAS MULLERES ATÓPANSE EN SITUACIÓN DE SUBEMPREGO POR INSUFICIENCIA DE HORAS DE TRABALLO

Isto trae como consecuencia que a porcentaxe de mulleres que se atopan en situación de subemprego por insuficiencia de horas de traballo ascende ao 63,8 por cento do total.

En canto ás prestacións por maternidade e paternidade, reducións de xornada e excedencias, UGT-Galicia considera que urxe unha nova regulación dos permisos e licenzas, así como, do fomento da corresponsabilidade. A prestación por maternidade segue a desfrutarse, practicamente, de forma exclusiva polas nais, no 98 por cento dos casos. O 88 por cento das excedencias por coidado dun familiar son solicitadas tamén polas mulleres. E o 73,8 por cento das reducións de xornada por coidado de menores de 12 anos son solicitadas por mulleres.


TODO CONDUCE A PEORES CONDICIÓNS DE PROTECCIÓN SOCIAL PARA AS MULLERES

Consecuencia de todo o analizado ata o momento, maior precariedade laboral entre as mulleres, brecha salarial, falta de políticas que favorezan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e unha corresponsabillidade real e efectiva entre homes e mulleres no eido familiar, as mulleres enfróntanse a peores condicións de protección social. No caso das pensións de xubilacións as diferenzas salariais elévanse ata o 38 por cento, brecha que se incrementa ano tras ano. Pola contra, o 77,8 por cento das persoas beneficiarias de pensións de xubilación non contributivas en Galicia son mulleres, cuxo importe medio no 2015 foi de 355,01 euros ao mes. O que da unha idea das dificultades ás que se enfrontan as mulleres tras a xubilación.

 

6 de marzo

Participación na manifestación convocada ás 12:00 horas en Santiago de Compostela polo movemento feminista galego

LOCALIDADE

DÍA

ACTO

A CORUÑA

8 de marzo

Ás 10:30 horas na Sala de Xuntas da Unión procederase á lectura do manifesto. A continuación homenaxearase a unha compañeira coa entrega da Distinción Muller Traballadora en recoñecemento ao seu traballo sindical

  

MANIFESTO

CARTEL

Modificado o ( miércoles, 02 de marzo de 2016 )
 
< Anterior   Siguiente >