Inicio arrow Igualdade arrow As galegas cobran un 23,4 por cento menos que os homes, máis de 5.000 euros menos ao ano
 
     
Actualidade
As galegas cobran un 23,4 por cento menos que os homes, máis de 5.000 euros menos ao ano Imprimir E-Mail
Escrito por igualdade   
lunes, 22 de febrero de 2016

As galegas cobran un 23,4 por cento menos que os homes, máis de 5.000 euros menos ao ano 

La brecha salarial se dispara en España y nos aleja de Europa

 

Con motivo da conmemoración, o día 22 de febreiro, do Día internacional pola igualdade salarial de mulleres e homes, a secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, presentou hoxe en Santiago un informe demoledor na súa análise e conclusións no que se observa que aínda se está moi lonxe de cumprir o principio de “igual retribución para traballos de igual valor ou equivalentes” e que nesta dicotomía segue a ser a muller traballadora a gran prexudicada.

Segundo a Enquisa anual de salarios (do ano 2013, publicada en xuño de 2015), a brecha salarial entre homes e mulleres en Galicia é do 23,4 por cento, o que implica que, para unha muller, en termos salariais, o ano non remata o 31 de decembro, senón que para poder percibir o mesmo salario que un home, as mulleres terían que traballar 85 días máis que os homes ao ano, ata o 26 de marzo. Dende que comezou a crise, no ano 2008, esta porcentaxe incrementouse en 2,3 puntos.

 A LENTITUDE DO RITMO DE REDUCIÓN DA BRECHA, PROVOCA QUE SEXAN NECESARIOS UNS 70 ANOS PARA LOGRAR A IGUALDADE

 Se esta realidade se traslada a toda unha vida laboral, tomando como base 36 anos cotizados, suporía, 9 anos máis de traballo para unha muller para percibir as mesmas cantidades por traballo de igual valor. De feito, se continúa o ritmo actual na redución da brecha salarial, que é demasiado lento, habería que agardar uns 70 anos para lograr a igualdade, segundo a Declaración da Comisión Europea.

 Afondando nesta realidade, as estatísticas indican que a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres en Galicia foi no 2013 de 5.264,34 euros, o que supón, en relación ao ano 2008, un incremento de 805 euros.

 AS MULLERES EN GALICIA DEIXARON DE PERCIBIR 2.505 MILLÓNS DE EUROS COMO CONSECUENCIA DA BRECHA SALARIAL

 Que supón a brecha salarial traducida en euros?. Pois 2.505 millóns de euros. E isto deixando á marxe o que suporía en euros o traballo non retribuído das mulleres no eido familiar.

 Se se dotara de valor económico ó emprego do tempo nas responsabilidades familiares e domésticas aumentaría a brecha salarial. Segundo a Enquisa de Emprego do Tempo 2009/2010 do INE, a porcentaxe de mulleres galegas que empregan tempo no coidado do fogar e da familia é do 94,1 por cento e destinan unha media de 4 horas e 31 minutos, mentres que no caso dos homes redúcese a 2 horas e 40 minutos. Con estes datos pódese concluír que as mulleres galegas dedican de media 84 días máis ao ano que os homes ao fogar e á familia, que non son retribuídos, que pasan a ser 169 se se lle suman os derivados da brecha salarial. Se se ten en conta que o salario medio por hora traballada é de sete euros, as horas invertidas non remuneradas das mulleres galegas nun ano serían 6.910 millóns de euros.

 Territorialmente, se se fai unha comparativa co resto das comunidades autónomas, as mulleres galegas tamén saen perdendo, xa que perciben un 11,6 por cento (2.256 euros menos ao ano) menos de salario anual que a media das mulleres do conxunto do Estado. De feito, Galicia é a cuarta comunidade autónoma onde o salario anual medio das mulleres é máis baixo.

 POR HORA TRABALLADA, AS MULLERES GALEGAS SON, TRAS AS CÁNTABRAS, AS QUE MENOR RETRIBUCIÓN PERCIBEN

 Para facer as comparativas, se se atende a unha variable non condicionada nin pola temporalidade nin pola contratación a tempo parcial, é dicir, a ganancia por hora normal traballada, as mulleres galegas saen perdendo con creces, xa que son as segundas de todo o Estado, só superadas polas cántabras, que menor retribución por hora perciben. Concretamente, 11,39 euros, fronte aos 13,21 euros de media no Estado. Este valor, no caso dos homes galegos é de 13,61 euros. Neste caso, a brecha salarial é de 16,3 puntos.

 Segundo os datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, no seu traballo “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias”, publicado en novembro de 2015, en todas as ramas de actividade os salarios das mulleres son inferiores aos dos homes. Aínda así, as maiores diferencias constátanse na rama de “Servizos ás empresas”. Un sector no que, ademais, son maioría as mulleres, o 55,6 por cento do total, pero perciben un salario un 32 por cento máis baixo que o dos homes.

 As menores diferenzas danse na “Construción e actividades inmobiliarias” e “Servizos sociais”, un 4,3 e un 16,8 por cento de brecha salarial, respectivamente. O que acontece no caso da construción ten unha explicación lóxica, o número de mulleres é escaso e está, sobre todo, en postos técnicos ou de xestión, normalmente mellor retribuídos. No caso dos servizos sociais porque nestes existe un gran peso de emprego público e, polo tanto, menor discriminación.

 A BRECHA SALARIAL NO SECTOR PÚBLICO É DO 12,6 POR CENTO, FRONTE AO 29,8 POR CENTO DAS EMPRESAS PRIVADA

 Precisamente, neste último aspecto, detéctanse grandes diferenzas en materia de brecha salarial entre o sector público e o privado. No primeiro caso esta é do 12,6 por cento, fronte ao 29,8 por cento rexistrado nas empresas privadas.

 Outro dato que arroxa a Enquisa anual de estrutura salarial (INE) é que canto maior sexa a temporalidade na contratación, menor é a brecha salarial. Así, a brecha no caso dos contratos indefinidos é do 24,8 por cento e nos contratos de duración determinada non supera o 13,7 por cento.

 OS COMPLEMENTOS SALARIAIS CONTRIBÚEN A INCREMENTAR AS DESIGUALDADE ENTRE HOMES E MULLERES

 Son moitas as variables que explican o diferencial salarial entre homes e mulleres pero un dos puntos clave para entender esta realidade está nos complementos salariais. En Galicia, do total do salario bruto, no caso das mulleres o 72,67 por cento é salario base, fronte ao 67,88 por cento no caso dos homes. UGT-Galicia considera que actuando sobre estes podería reducirse en boa medida na desigualdade salarial entre homes e mulleres e máis tendo en conta que en moitas ocasións estes complementos non se basean en cuestións obxectivas cuantificables.

 Tomando como barreira o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), o 36 por cento das mulleres teñen ingresos inferiores ou iguais ao SMI, fronte ao 26,7 por cento dos homes, segundo a AEAT no 2014. Se, pola contra, se fai unha análise dos salarios máis elevados, o 6,3 por cento dos homes tiveron salarios cinco veces superiores ao SMI, fronte ao 2,8 por cento das mulleres. Resulta moi significativo que, das 4.005 persoas que en Galicia cobran máis de 10 veces o SMI, tan só 607 son mulleres.En todos os tramos de idades a ganancia media anual sempre é superior entre os homes.

 AS MULLERES COBRAN PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO UN 18,2 POR CENTO MÁIS BAIXAS QUE AS DOS HOMES

 Pero, que ocorre cando a muller non traballa, senón que é beneficiaria dunha prestación por desemprego?. Pois o mesmo, porque esta situación é un claro reflexo do que ten acontecido na súa vida laboral. As mulleres beneficiarias de prestación por desemprego son menos e a contía desta prestación tamén é inferior á dos homes, nun 18,2 por cento.

 A crise económica está a amosar que os niveis insostibles de desemprego non se ven compensados por unha cobertura social axeitada e máis no caso das mulleres. De todo isto derívanse situacións de risco de exclusión social e vulnerabilidade moito máis acusadas que no caso dos homes. Aquí non se pode esquecer ás case 26.821 traballadoras do anterior réxime especial do fogar da Seguridade Social (agora integradas no réxime xeral como un sistema especial) que non teñen dereito a desemprego.

 O mesmo sucede coas pensións. 402.629 mulleres pensionistas galegas viven cun importe medio de 583,22 euros. No caso das pensións de xubilación, estas son un 38 por cento inferiores ás dos homes. Mentres o importe medio no caso das mulleres é de 617,99 euros, no caso dos homes é de 997,18 euros.

 Neste senso, outro dato moi significativo é que das persoas beneficiarias de pensións de xubilación non contributivas da Seguridade Social en Galicia un 78 por cento son mulleres. Isto evidencia que son moitas as mulleres que ao final da súa vida laboral teñen que acceder ao último recurso posible, as pensións non contributivas, cun importe medio en Galicia no 2014 de 354,46 euros.

 AS POLÍTICAS DE RECORTES INCIDIRON AÍNDA MÁIS NA BRECHA SALARIAL

 De toda esta análise dedúcese que son moitos os factores que inflúen na existencia da brecha salarial, persistencia de roles e estereotipos de xénero, problemas para levar a cabo a conciliación da vida persoal, laboral e familiar; as condicións laborais (xornada parcial, temporalidade); a segregación ocupacional; ou a promoción ou a valoración dos postos de traballo. Isto evidencia que urxe aplicar medidas nos diferentes ámbitos, político, económico, laboral, educativo e social para poder combater a desigualdade salarial por razón de sexo.

 Aínda que a brecha salarial é unha constante da realidade sociolaboral deste país, é evidente que as políticas de recortes e austeridade impostas polo Goberno do PP, así como, a reforma laboral de 2012, contribúen a agudizar esta lacra, coa baixada continua de salarios e inaplicación de convenios colectivos. Baixar os salarios provoca que os salarios máis baixos, percibidos maioritariamente por mulleres, sexan aínda máis baixos, agravándose así as diferenzas.

 AS MULLERES ACUMULAN UNHA PERDA DO 5,6 POR CENTODE PODER ADQUSITIVO (2009-2013), FRONTE AO 2,7 POR CENTO DOS HOMES

 Tendo en conta que no período 2009-2013 a vida encareceuse nun 9,4 por cento e os salarios das mulleres só se incrementaron nun 3,8 por cento e os dos homes nun 6,7 por cento, as mulleres acumulan unha perda do 5,6 por cento de poder adquisitivo, fronte ao 2,7 por cento dos homes. Isto incide aínda máis na brecha salarial e en existan diferenzas no acceso aos bens que deberían ter garantidos todos de acordo coa Constitución, como a vivenda, que subiu seis veces máis que o salario das mulleres e tres que o dos homes; os custos de alimentación, medio punto por debaixo dos ingresos dos homes e 2,23 puntos por enriba dos das mulleres; ou o transporte, que subiu case tres veces o que subiron os salarios dos homes e cinco veces os das mulleres.

 Para UGT-Galicia, a recuperación económica pasa polo recoñecemento do traballo das mulleres en termos económicos. Revélase como unha vía primordial de reactivación do consumo, aumentando a demanda, creando, polo tanto, emprego, e contribuíndo a eliminar a pobreza. Por isto, é necesario introducir, como eixo central de todas as políticas económicas, a igualdade sen distinción de sexo.

 Para reducir a brecha salarial, a lexislación e a negociación colectiva configúranse como elementos esenciais. Por iso, UGT-Galicia aposta por unha Lei pola igualdade salarial, así como, pola aplicación de plans e estratexias de igualdade nas empresas e a loita contra os estereotipos existentes.

 Á vista deste informe, UGT-Galicia insiste en reivindicar a igualdade entre mulleres e homes. O Sindicato ten claro que unha muller non é independente senón o é no eido económico. O cumprimento da premisa “igual salario por traballos de igual valor” non é só fundamental para a consecución da igualdade de oportunidades no mercado de traballo, senón que é básica para construír unha sociedade máis xusta.

 
Modificado o ( lunes, 22 de febrero de 2016 )
 
< Anterior   Siguiente >
 
DESTACADOS
ASESORÍA
EN REDE