Inicio
 
     
Actualidade
Máis dun centenar se persoas din NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO na concentración convocada por UGT e CCOO Imprimir E-Mail
Escrito por Igualdade   
miércoles, 25 de noviembre de 2015

CONCENTRACIÓNS 25 DE NOVEMBRO

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

 

Máis dun centenar se persoas din NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO na concentración convocada por UGT e CCOO na Coruña


 Centos de persoas, convocadas por UGT e CCOO, dixeron hoxe Non á violencia de xénero nas concentracións que tiveron lugar ás 12.00 horas en A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo para conmemorar a data do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e amosar a solidariedade coas vítimas.

Na Coruña, as Secretarias de Igualde de UGT Galicia e UGT Coruña presentaron un escrito dirixido ao Deelgado do Goberno en Galicia esixindo medidas efectivas e inmeditas que rematen coa lacra social da violencia machista contra as mulleres, nenos e nenas.  

Dende UGT quérese lembrar que a violencia contra a muller non cesa, unha terrible realidade que sofren a miúdo moitas mulleres nas súas vidas e que este ano xa provocou a morte de 48 mulleres, seis delas en Galicia, 6 nenos e nenas, dous deles tamén en Galicia. De feito, Galicia é a terceira comunidade autónoma na que máis asasinatos por violencia machista se produciron neste ano.

A pesar da crúa realidade que nos debuxan os datos, obsérvase como se reduce á metade o número de mulleres asasinadas que tiña interposta unha denuncia; das 721 ordes de protección solicitadas e Galicia dende xaneiro ata xuño deste ano, o 42 por cento foron denegadas, 11 puntos máis que no mesmo período do ano anterior, e cada vez son menos as medidas de protección que se adoptan, a pesar de que o número de solicitudes se incrementan. Só o 33 por cento dos casos activos en Galicia a 30 de setembro dispoñen de protección oficial. Tan só hai en Galicia 21 dispositivos electrónicos de seguimento no eido da violencia de xénero. Nesta Comunidade no 2015 recibíronse un 22,5 por cento máis de chamadas no 016 que no ano anterior. E increméntanse en dez puntos o número de casos activos en Galicia que están clasificados cun nivel de risco medio. Algo está fallando. Obsérvase como se están reducindo as medidas protectoras e incluso redúcense as denuncias, aínda que non o número de casos.

INSOPORTABLE EXTENSIÓN DA VIOLENCIA

Neste contexto, UGT fai un chamamento sobre a insoportable extensión da violencia, de todas as violencias machistas, a que sofren as mulleres a mans das súas parellas ou exparellas, o acosos sexual e por razón de sexo no traballo, a intimidación na rúa, o acoso na internet, a violencia de control das mozas e as terribles consecuencias que estes ataques carrexan na saúde, integridade, a dignidade e a vida laboral das mulleres.

Unha violencia que non queda reducida a unha cultura, idade, clase social, relixión ou país. As raíces da violencia contra as mulleres teñen carácter estrutural e é produto da desigual relación de poder entre mulleres e homes.

Dende o Sindicato tamén se fai un chamamento ás administracións competentes, xa que en España o Goberno do PP durante a súa lexislatura recortou un 17 por cento a partida orzamentaria destinada á prevención da violencia de xénero e un 43 por cento a destinada a políticas de igualdade entre mulleres e homes. Recursos insuficientes para unha eficaz aplicación da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

En Galicia, o PP que Goberna a Xunta aproba cada ano uns orzamentos que amosan a súa insignificancia para por en marcha programas específicos de prevención da violencia ou mesmo para protexer ás mulleres vítimas.

A VIOLENCIA DE XÉNERO NO EIDO LABORAL

No eido laboral, UGT denuncia que o número de contratos bonificados realizados a mulleres vítimas de violencia de xénero é case insignificante, apenas 262 en Galicia dende o ano 2003. Por outra banda, o número de mulleres que se acolleron aos dereitos recoñecidos pola Lei de violencia segue sendo testemuñal.

Por todo isto, UGT esixe intensificar a sensibilización contra a discriminación e a violencia de xénero; introducir na negociación colectiva garantías de protección laboral para as vítimas da violencia de xénero; garantir que as situacións derivadas da violencia de xénero, como ausencias ou baixas médicas, non supoñan diminución económica para as traballadoras; e negociar protocolos de actuación e medidas de protección específicas dos dereitos laborais para as afectadas que non denunciasen ao seu agresor.

Ademais, urxe implementar mecanismos para eliminar, previr, sancionar e protexer ás traballadoras das situacións de acoso sexual e do acoso por razón de sexo na esfera laboral; derrogación da reforma laboral; mellora da protección social ás mulleres que sofren violencia de xénero con redución de xornada en relación co acceso á protección por desemprego; que a acoso sexual e o acoso por razón de sexo sexan abordados na normativa sobre prevención de riscos laborais, ao mesmo tempo que deben ter o mesmo tratamento como delito no Código Penal; e establecer canles de comunicación entre as administracións públicas e os interlocutores sociais que permitan mellorar a difusión de medidas, dereitos e servizos dirixidos ás vítimas de violencia de xénero.

Modificado o ( miércoles, 25 de noviembre de 2015 )
 
< Anterior   Siguiente >