Inicio
 
     
Actualidade
Milleiros de persoas manifestáronse o Primeiro de Maio na Coruña Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Coruña   
lunes, 04 de mayo de 2015

Milleiros de persoas denunciaron neste Primeiro de Maio que «así non saímos da crise» e esixiron a fin dos recortes e máis políticas sociais


 
 
Preto de 5.000 persoas participaron na manifestación convocada por UGT e CCOO na Coruña o Primeiro de Maio baixo o lema «Así non saímos da crise». Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez, participaron na manifestación da Coruña. Alí denunciaron que as políticas aplicadas desde 2010 alimentaron en Galicia, en España e en toda Europa unha recesión de devastadores efectos sobre o emprego, a cohesión social e a calidade de vida da cidadanía.  
 
No caso galego, estas medidas só serviron para destruír máis emprego e converter en precario o existente: segundo a última EPA, en Galicia hai case trescentas mil persoas desempregadas, co que a taxa de paro se sitúa no 21,83 %; ademais, das persoas que traballan, o 23,6 % fano con contratos temporais.
 
A última enquisa da poboación activa (EPA) sinala que en Galicia hai case trescentas mil persoas desempregadas e a temporalidade sitúase no 23,6 %. 

Ademais dos retrocesos económicos, UGT e CCOO denunciaron tamén os retrocesos sociais, especialmente no ámbito dos dereitos e das liberdades. Nos últimos anos, coa dereita de novo no poder, estase a producir unha sen precedentes do dereito de folga, perseguido ademais pola vía penal, situación que o sindicalismo de clase se compromete a combater. A LEI MORDAZA é a última medida do goberno para calar as léxitimas protestas sociais. 

Aguión e Gómez insistiron na necesidade de cambiar as políticas para saír da crise do xeito máis xusto e sostible. Reivindicaron actuacións urxentes para reforzar a negociación colectiva, crear emprego de calidade, mellorar os salarios, estender a protección social e recuperar e fortalecer a democracia.

Asemade, afirmaron que cómpre cambiar o modelo produtivo para potenciar o papel da industria, investir en I+D+i, TIC, formación e infraestruturas básicas. Tamén, reformar o sistema enerxético; aplicar unha reforma fiscal coa que aumente a recadación para soster as políticas públicas; derrogar a reforma laboral; reforzar a negociación colectiva e os dereitos laborais; aumentar os salarios en coherencia coa fase de crecemento económico e que as Administracións públicas poñan en marcha políticas de emprego e investimento para recuperar uns servizos públicos de calidade.
 
Por último, pediron mellorar o sistema de prestacións por desemprego para ampliar a protección; introducir unha nova prestación de ingresos mínimos que asegure a atención das necesidades máis esenciais; retirar a reforma das pensións; completar a integración de empregadas/os de fogar no réxime xeral; pór en marcha medidas que favorezan a corresponsabilidade de homes e mulleres e introducir medidas inmediatas para erradicar os desafiuzamentos e recuperar dereitos e liberdades sindicais e públicas. 
Modificado o ( lunes, 04 de mayo de 2015 )
 
< Anterior   Siguiente >