Inicio
 
     
Actualidade
22 de febreiro Día internacional pola igualdade salarial de mulleres e homes Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Galicia   
domingo, 22 de febrero de 2015
 Por hora traballada as mulleres galegas son as que menor retribución perciben en todo o Estado
 
La brecha salarial se dispara en España y nos aleja de Europa

Segundo a Enquisa anual de salarios, publicada en xuño de 2014, as mulleres galegas perciben un 24,2 por centoenos salario ao ano que os homes. É dicir, o salario das mulleres tería que incrementarse en nada menos que un 31,88 por cento para igualarse ao dos homes. Pero é que o paso do tempo, en vez de mellorar esta situación, a agudiza. Dende o ano 2009 ata o 2012 a brecha increméntase en 3,6 puntos.

Aínda que si é certo que coa crise produciuse unha importante caída dos salarios dos homes, tamén caeron os das mulleres e, xa que existía unha distancia importante no punto de partida, o diferencial medrou.

AS TRABALLADORAS GALEGAS PERCIBEN UN 14,38 POR CENTO MENOS DE SALARIO QUE A MEDIA DO SALARIO BRUTO ANUAL DAS MULLERES DO CONXUNTO DO ESTADO

Por territorios, as traballadoras galegas saen peor paradas que as de outras comunidades, xa que perciben un 14,38 por cento menos de salario que a media do salario bruto anual das mulleres do conxunto do Estado (en termos absolutos supón para as traballadoras galegas 2.810,18 euros menos ao ano) e Galicia é a comunidade onde as mulleres perciben o salario bruto medio anual máis baixo.

Non obstante, neste punto non se pode deixar de reseñar que en todas as comunidades autónomas os ingresos salariais medios anuais das mulleres foron inferiores aos dos homes.

Se se traslada a análise á retribución por hora normal traballada, o que nos ofrece unha variable non afectada nin pola temporalidade nin pola parcialidade do emprego, que afectan en maior medida ás mulleres, as traballadoras galegas son as máis prexudicadas. Xa que son as que menor retribución perciben por hora normal traballada en todo o Estado.

Esta retribución é de 11,02 euros, fronte aos 13,10 euros de media en todo o Estado e que confrontan con autonomías como Madrid (14,80) ou Cataluña (13,93) onde o valor da hora traballadas polas mulleres é bastante maior en termos económicos.

Subindo a escala de análise ao que sucede no resto de Europa, España rexistra unha brecha de xénero por hora normal traballada de 2,5 puntos por riba da media dos países da Eurozona, con 19,3 puntos, fronte á media de 16,8 puntos. Ocupando o quinto lugar en canto ás brechas máis altas...

OS CONTRATOS A TEMPO PARCIAL E OS COMPLEMENTOS SALARIAIS, SON FACTORES CLAVE Á HORA DE DEFINIR A BRECHA SALARIAL POR XÉNERO

Existe unha variable que condiciona, de xeito negativo, prexudicando gravemente ao salario feminino, os contratos a tempo parcial. As traballadoras galegas a tempo parcial perciben un salario medio anual de 8.472,52 euros, un 25,9 por cento menos que un home coa mesma modalidade de contratación. Sendo o diferencial no caso dos contratos a tempo completo dun 11 por cento. Ademais, non hai nin un 7 por cento de homes con este contrato fronte ao 25 por cento das mulleres. Por iso, apúntase a este como un factor clave á hora de definir a brecha salarial por xénero.

Pero hai outra variable que marca fortemente a realidade denunciada hoxe, os complementos salariais. Un factor que explica por si mesmo a brecha salarial é a existencia ou non de complementos salariais e o seu peso sobre o total do salario bruto.

Do total do salario bruto, no caso das mulleres, o 72,67 por cento é salario base, fronte ao menor peso no caso dos homes, o 67,88 por cento. Aquí obsérvase que os complementos son un factor fundamental á hora de explicar as diferenzas salariais e UGT-Galicia considera que, actuando sobre os mesmos, poderían reducirse en boa medida as desigualdades.

Todas as variables estatísticas constatan a realidade da desigualdade salarial entre homes e mulleres. Outra delas, o Salario Mínimo Interprofesional (SMI). No 2013 un 36 por cento das mulleres galegas tiñan ingresos salariais menores ou iguais ao SMI (9.034,20 euros ao ano), fronte ao 26,5 por cento dos homes.

Se a comparación se fai por enriba, a muller tamén sae perdendo. Das 45.148 persoas que en Galicia  perciben retribucións superiores a cinco veces o SMI, o 72,75 por cento son homes.


EN NINGÚN TRAMO DE IDADE O SALARIO FEMININO É SUPERIOR AO MASCULINO. A MEDIDA QUE AUMENTA A IDADE INCREMÉNTASE A BRECHA

Tamén se constata que en ningún tramo de idade o salario é superior no caso feminino ao masculino. O que si se observa é que a medida que aumenta a idade tamén se incrementa a brecha salarial, pasando do 19,3 por cento no tramo de 25 a 34 anos ao 23,4 por cento no das persoas de 55 e máis anos.


SON AS MULLERES AS QUE ASUMEN MAIORITARIAMENTE AS EXCEDENCIAS E REDUCIÓNS DE XORNADA PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN. O QUE SE TRADUCE NUNHA SIGNIFICATIVA DIMINUCIÓN DE INGRESOS E COTIZACIÓNS

Cando na análise entra en xogo a compatibilidade da vida laboral e familiar, unha vez máis, as mulleres saen perdendo. Son elas as que se acollen a máis licenzas e excedencias para a conciliación da vida laboral e persoal. Isto tradúcese nunha diminución de ingresos.

En canto ás excedencias por coidado de fillos e fillas, o número de homes que se acolle a elas non supera o 5,77 por cento e esta porcentaxe vai diminuíndo dende o ano 2011. No 2012, un total de 30.132 traballadores e traballadoras galegas con fillos e fillas menores de 13 anos reduciron a súa xornada laboral para o seu coidado. O 74 por cento foron mulleres.

Todo isto supón unha diminución de ingresos significativa para as mulleres, así como, de cotizacións, como consecuencia de que interrompen moito máis as súas carreiras profesionais para atender responsabilidades familiares que non deberían asumir elas soas.


O 10,8 POR CENTO DAS MULLERES OCUPADAS PERCIBE UNS INGRESOS INFERIORES AO LIMIAR DA POBREZA

Como consecuencia de todo o analizado ata o momento, o risco de pobreza para as mulleres é moito maior que para o outro sexo. O 10,8 por cento das mulleres ocupadas percibe uns ingresos inferiores ao limiar da pobreza. Cifra que, se se estende a todas as mulleres, non só ás ocupadas, elévase ao 26,7 por cento. Detrás disto está que ademais das maiores dificultades ás que se enfrontan as mulleres para acceder ao mercado laboral ou mesmo permanecer nel, cando o fan, á vista dos datos, é en peores condicións, polo que a súa situación de risco de exclusión e vulnerabilidade é moi superior.


MENOS PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO E MÁIS BAIXAS. AS PENSIÓNS POR XUBILACIÓN SON UN 38 POR CENTO INFERIORES NO CASO DAS MULLERES

En materia de prestacións por desemprego, son menos as beneficiarias, un 18,37 por cento menos, e as que as perciben o fan con contías un 19,9 por cento inferiores ás dos homes. Dende sempre, as mulleres teñen menos acceso ás prestacións como consecuencia das escasas cotizacións, tanto en termos temporais como monetarios. Tampouco podemos esquecer ás case 27.000 traballadoras do fogar que non teñen dereito a prestación por desemprego.

O mesmo sucede coas pensións por xubilación que no caso das mulleres son un 38 por cento inferiores ás dos homes. Aquí as diferencias tamén veñen marcadas polas dificultades de acceso ao mercado laboral, dificultades na permanencia, en peores condicións e as saídas continuas para atender as responsabilidades familiares.

É evidente que son moitas as cousas que hai que mudar para que a conxuntura do mercado laboral feminino consiga igualarse á dos homes. Despois de todo o analizado non podemos senón concluír que nos atopamos ante unha discriminación insostible, consecuencia da falta de políticas de igualdade entre mulleres e homes e a falta de vixilancia do cumprimento da Lei que prohibe este tipo de discriminacións.

Nada se está a facer para intentar solucionar este problema que afecta á metade da poboación pois as cifras, lonxe de mellorar, están empeorando, e mostran tamén que as mulleres galegas, sufrimos peores condicións xa non só respecto aos homes, senón tamén respecto ás mulleres das demais comunidades autónomas. E o Goberno, impoñendo reformas laborais totalmente inxustas e aplicando políticas de desmantelamento do Estado de Benestar, está contribuíndo a que estas diferenzas se incrementen.

Neste senso, dende UGT vaise a levar a cabo un proxecto  que leva por título “Ferramentas para combater a brecha salarial”. O seu obxectivo é contribuír á redución da brecha salarial a través da negociación colectiva. Para isto, elaboraranse dúas aplicacións informáticas, “Indicador xeral de igualdade salarial” que se instalará nos teléfonos móbiles e permitirá coñecer a porcentaxe nas diferenzas salariais existentes e o “Indicador ponderado de igualdade salarial”, que será unha ferramenta informática que vai permitir, cun catálogo de índices e variables, identificar os factores que inflúen na brecha salarial para poder actuar sobre eles. Isto complementarase cunha investigación dos factores que inflúen na brecha salarial, cunha guía de boas prácticas e de recomendacións e xornadas dirixidas ás persoas negociadoras dos convenios e á representación dos traballadores e traballadoras.

 INFORME COMPLETO

 

Modificado o ( lunes, 23 de febrero de 2015 )
 
< Anterior   Siguiente >