Inicio
 
     
Actualidade
Valoración dos orzamentos da Xunta 2015 Imprimir E-Mail
Escrito por UGT Galicia   
domingo, 14 de diciembre de 2014

UGT denuncia que os orzamentos da Xunta para 2015 "non son cribles e implican un ano perdido"

 UGT-Galicia e CCOO de Galicia presentaron unha análise os orzamentos da Xunta para o ano 2015. Os dous sindicatos coincidiron á hora de denunciar que se trata duns orzamentos «irreais» que implican «un ano perdido» para o país.

 A maior parte do gasto céntrase en financiar o pagamento da débeda, non no investimento produtivo

Na presentación pública das conclusións interviron o secretario de Política Sindical, Relacións Laborais e Formación de UGT-Galicia, Domingo Barros, e a secretaria de Emprego e Institucional do S. N. de CCOO, Maica Bouza.
A responsable de Emprego de CCOO criticou que o gasto non financeiro, isto é, o que afecta á economía real e ás persoas, baixa aos niveis do ano 2005, antes da crise económica. Segundo a análise de Maica Bouza, dificilmente aumentará o PIB galego un 2% —como recollen os orzamentos—, tendo en conta a perda de poder adquisitivo de salarios e pensións, así como o carácter precario dos postos de traballo creados nos últimos meses.
A sindicalista de CCOO tamén lle reprochou á Xunta que o orzamento para os investimentos sexa unicamente o 13% do total e, ademais, dunha contía un 54% inferior ao do ano 2009 —cando o PP regresou ao Goberno galego—, malia que Galicia ten un 60% máis de desempregados e desempregadas. Nestes cinco anos, perdéronse 139.100 empregos, dos que os orzamentos prevén recuperar polo menos 9.000. Non obstante, Bouza cre que non se van crear nin sequera eses empregos e que, en todo caso, a diminución da taxa de paro será un efecto estatístico provocado pola caída da poboación activa. Pola contra, onde si se concentra o orzamento é no pagamento da débeda, o 15,8% do total, que ascende a 1.700 millóns brutos, dos que 491 serán xuros.
Por último, Bouza denunciou as «falsidades» da Xunta de Galicia en relación aos orzamentos, especialmente a afirmación de que mellora o gasto social. Cos datos na man, a secretaria de Emprego de CCOO sinalou que, outra vez, o gasto social gaña peso no conxunto dos orzamentos por simple estatística: porque o conxunto do orzamento é inferior, polo que ao manter o gasto social no mesmo nivel que o exercicio anterior, porcentualmente incrementa o seu peso.

Nova etapa de «afogamento social»

Pola súa parte, o secretario de Relacións Laborais e Formación de UGT-Galicia sinalou que as previsións da Xunta de Galicia demostran que os orzamentos «non son cribles», pois os ingresos están suxeitos a previsións sobre o PIB, as exportacións, o emprego, a taxa de paro, o déficit e a débeda.... de moi difícil consecución. Ademais, debuxan un escenario «voluntarista, excesivamente optimista e pouco realista» que converte estes orzamentos en «inviables».
Domingo Barros criticou ademais que as previsións non teñan en conta a contorna: cando se elaborou o borrador, países como Alemaña, Francia ou Italia recoñecían xa a ralentización das súas economías, «o que sen dúbida será determinante para as nosas exportacións».
Por outra parte, ao tempo que a Xunta «nos vende uns datos incribles de recuperación», tanto a percepción cidadá como os datos «amosan outra realidade». En opinión do sindicalista, o que propugnan os orzamentos do 2015 será «de moi difícil cumprimento», polo que prevé unha «nova etapa de afogamento social» a mans de novos recortes propostos polo Goberno da Xunta de Galicia e impulsados directamente polo presidente.

INFORME DE AVALIACIÓN CONXUNTA DOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA PARA 2015

Modificado o ( domingo, 14 de diciembre de 2014 )
 
< Anterior   Siguiente >