Inicio
 
     
Actualidade
25 novembro: DIA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO Imprimir E-Mail
Escrito por IGUALDADE   
viernes, 21 de noviembre de 2014

UGT alerta que Galicia é a terceira CCAA con máis casos de violencia de xénero

UGT demanda mayores esfuerzos económicos y legales para mejorar los derechos de las trabajadoras víctimas de violencia de género

 

UGT Galicia denuncia os recortes en políticas públicas destinadas a tal fin.

Este ano foron asasinadas en España 44 mulleres vítimas de violencia de xénero, sendo 6 delas galegas, quedando 32 menores orfos e orfas, polo que dende todos os ámbitos, xa que este é un problema totalmente transversal, temos que facer todos os esforzos posibles para que non volva haber un novo caso de violencia de xénero.

 Segundo os datos analizados, queremos resaltar que aumentan, respecto ao mesmo período do ano 2013,  os casos nos que a vítima tiña relación de convivencia co agresor, os casos nos que tiñan relación de parella, as vítimas que interpuxeran denuncia, así como as que tiñan medidas de protección en vigor, polo que habería que reflexionar en primeiro lugar, sobre as medidas que se adoptan cando unha muller denuncia, e despois, sobre a efectividade das mesmas.

 Galicia pasou a ocupar o terceiro lugar en España en vítimas de violencia de xénero en 2014, fronte ao décimo  que ocupaba no 2013

 Se no ano 2013 Galicia representaba o 2,3% dos casos de violencia de xénero en España, este ano representa o 13,6%, polo que aumentan en 11,3 puntos. É preocupante para Galicia, que se o ano pasado o 56,8% dos casos se concentraban en Andalucía, Madrid e Comunidade Valenciana, este ano o 61,3% se concentren en Andalucía, Cataluña e Galicia, e que case o 31% das ordes de protección solicitadas sexan denegadas na nosa comunidade autónoma.

 UGT-Galicia reclama ás institucións o incremento das partidas orzamentarias destinadas ás vítimas de violencia de xénero

 Aumentan os contratos bonificados a vítimas de violencia de xénero, os contratos de substitución, o número de mulleres vítimas perceptoras da Renda Activa de Inserción, as axudas para cambio de residencia e as axudas económicas concedidas ao amparo do artigo 27 da Lei Integral, o que constata que a necesidade de todas estas medidas segue crecendo, e xa que a autonomía económica da mulleres vítimas de violencia de xénero é unha cuestión fundamental nesta loita, reclamamos o incremento das partidas orzamentarias destinadas ao efecto.

 En Galicia, se no ano 2010 se dedicaron ás axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero 1.741.127€, nos anos 2013 e 2014 esta cantidade viuse reducida nun 40%. En canto a outros servizos, rexístrase un incremento de chamadas no servizo telefónico de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero (016), e a maioría seguen a ser feitas polas propias mulleres e por familiares ou persoas achegadas.

 Descende o número de altas no servizo telefónico de atención e protección para vítimas (ATENPRO), que lles ofrece unha atención inmediata ante as eventualidades que lles poidan sobrevir. O sistema de seguimento por medios telemáticos das medidas de afastamento rexistra na nosa comunidade a día de hoxe 20 medios activos (fronte aos 21 que había o ano pasado).

 O sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero, que permite, a través da información de todas as institucións públicas, realizar un seguimento e protección das vítimas, rexistra en Galicia 2.929 casos activos.  Os orzamentos destinados ás axudas ás mulleres vítimas de violencia de xénero no ano 2014 non corrixen os recortes producidos en anos anteriores, a pesar de que Galicia se sitúa na terceira comunidade de España en vítimas de violencia de xénero.

 UGT demanda unha revisión normativa da violencia por razón de xénero

 As mulleres vítimas de violencia de xénero necesitan de máis protección e seguridade xurídica ante a súa situación. Dende UGT consideramos que a violencia contra as mulleres constitúe unha das máis graves consecuencias das desigualdades económicas, sociais, políticas e culturais que existen entre homes e mulleres.

Pero a pesar de que a normativa neste ámbito supuxo un punto de inflexión na andadura cara a consecución da igualdade real entre mulleres e homes, despois de case 10 e 8 anos da entrada en vigor da mesma (Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, Lei 7/2004 do 16 de xullo galega para a igualdade de mulleres e homes, Lei 2/2007 do 28 de marzo do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, Lei Orgánica 1/2004 de 28 de decembro de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, Lei 11/2007 do 27 de xullo galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero), é necesaria e urxente unha revisión e adaptación das normas.

SEGUEN EXISTINDO DIFERENTES INTERPRETACIÓNS LEGAIS SOBRE A NECESIDADE DE EXISTENCIA DE REITERACIÓN PARA QUE UNHA CONDUTA SEXA CALIFICADA COMO ACOSO SEXUAL OU POR RAZÓN DE SEXO

 As definicións fan referencia a “calquera comportamento...”, o que debe entenderse como contrario á esixencia da reiteración de condutas para que se entenda que existe acoso sexual. Pero isto non o entenden así algunhas sentenzas xudiciais, polo que demandamos a necesidade de que a Lei de Igualdade recolla expresamente a non necesidade de reiteración dos comportamentos de acoso sexual e acoso sexista para que se entenda a existencia dos mesmos.

  A LEI DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NON CONTÉN MEDIDAS ESPECÍFICAS FRONTE AO ACOSO SEXUAL E O ACOSO POR RAZÓN DE SEXO

 A Lei de Igualdade establece a obriga para as empresas de previr o risco de acoso sexual e acoso por razón de sexo e de crear procedementos de queixa e reclamación a favor das vítimas deste tipo de violencia de xénero, pero ademais de que na maioría das empresas non se levan a cabo, na práctica nos podemos atopar con auténticos problemas para esixir responsabilidades á empresa en relación cunha inadecuada protección nesta materia, polo que sería necesario que a Lei de Prevención de Riscos Laborais a regulara de forma específica.

 HAI QUE MODIFICAR O CÓDIGO PENAL, PORQUE O ACOSO POR RAZÓN DE SEXO É UN DELITO

 O Código Penal tipifica como delito o acoso sexual no seu artigo 184.1, pero esta tipificación produciuse con anterioridade a que nosa normativa laboral recollera o suposto de acoso por razón de sexo ou acoso sexista. Unha vez incorporado o concepto á normativa, o Código Penal ten que recoller as condutas de acoso por razón de sexo ou acoso sexista como delito.

 O DEREITO Á REDUCCIÓN DE XORNADA E Á REORDENACIÓN DO TEMPO DE TRABALLO DAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO É UN DEREITO DA TRABALLADORA, E NON PODE ESTAR CONDICIONADO Á OBTENCIÓN DUNHA RESOLUCIÓN XUDICIAL

 En canto á redución de xornada das vítimas de violencia de xénero hai moitos problemas en canto a que conceptos retributivos se deben ter en conta para calcular a diminución salarial, ao que van dando resposta as resolucións xudiciais caso por caso, cuestión que se debería determinar regulamentariamente.

 Se non existe regulación no convenio colectivo ou acordo para a determinación da redución da xornada ou da reorganización do tempo de traballo, o artigo 37.6 do Estatuto dos Traballadores  recolle que a resolución das posibles discrepancias levarase a cabo a través do procedemento xudicial previsto no artigo 139 da Lei reguladora da xurisdición social, sendo a traballadora a que deba levar a cabo a reclamación, a pesar de que é un dereito que a empresa non pode impedir.

 Ademais as sentenzas dos tribunais, fixaron unha doutrina ante o baleiro legal, en virtude da cal o exercicio deste dereito queda condicionado a que se poida compatibilizar coa organización do proceso produtivo de cada empresa en concreto.

 Por todo isto consideramos prioritario a inclusión na lexislación duns mínimos, sen prexuízo do seu tratamento posterior polos convenios ou acordos, para que se non hai acordo, a traballadora poida exercer igualmente o seu dereito, así como os supostos nos que o empresariado poida razoable e xustificadamente opoñerse á concreción elixida pola traballadora, sempre demandando á empresa un esforzo razoable de adaptación.

 NOS DEREITOS Á MOBILIADE XEOGRÁFICA E Ó CAMBIO DE CENTRO DE TRABALLO QUE TEÑEN AS TRABALLADORAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA XÉNERO, HAI QUE MODIFICAR A NECESIDADE DE TER QUE ACREDITAR A OBRIGACIÓN DE ABANDONAR O POSTO DE TRABALLO ASÍ COMO A OPCIÓN DE SÓ TER PREFERENCIA A OCUPAR OUTRO POSTO DE TRABALLO

 A empresa pode solicitar que a vítima acredite que “se ve obrigada a abandonar o posto de traballo”, pero nin se aclara a quen lle corresponde valorar esta situación nin se é esixible a necesidade de acreditala. O lóxico sería que bastara coa decisión da vítima. O mesmo sucede co dereito á suspensión da relación laboral con reserva do posto de traballo, no que se volve a establecer esta condición.

 A normativa tamén recolle que as vítimas de violencia de xénero que se vexan obrigadas a abandonar o posto de traballo na localidade onde viñan prestando os servizos, para facer efectiva a súa protección, terán dereito preferente a ocupar outro posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente que a empresa teña vacante noutro dos seus centros de traballo. É necesario que o dereito á reubicación exista, e que non sexa só un dereito preferente.

 DEMANDAMOS QUE AS AUSENCIAS OU FALTAS DE PUNTUALIDADE MOTIVADAS POLA VIOLENCIA DE XÉNERO SEXAN INCLUÍDAS ENTRE OS SUPOSTOS DE NULIDADE DOS DESPIDOS DESCIPLINARIOS E QUE SE CONCRETEN COMO PERMISOS RETRIBUÍDOS

 Este é un suposto que necesariamente ten que estar incluído como causa para que non se poida despedir á traballadora vítima de violencia de xénero, ao igual que os que se regulan no artigo 55.5 b) do Estatuto dos Traballadores.

 Tampouco se regulan como permisos retribuídos estas faltas ou ausencias, polo que está permitido o desconto dos salarios correspondentes ás mesmas, impoñendo así unha penalización económica laboral á traballadora, que se suma á que xa padece como vítima de violencia de xénero.

 RECLAMAMOS A INCLUSIÓN NO ARTIGO 37.3 DO ESTATUTO DOS TRABALLADORES DUN PERMISO ESPECÍFICO PARA QUE AS TRABALLADORAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO POIDAN ACOMPAÑAR ÁS SÚAS FILLAS E FILLOS A RECIBIR ATENCIÓN PSICOLÓXICA

 A Lei de Medidas de Protección Integral establece que tamén teñen dereito á asistencia integral a través dos servizos sociais os e as menores que se atopen baixo a patria potestade ou garda e custodia da persoa agredida. Pero a traballadora non pode solicitar as medidas para garantir esta asistencia social dos e das menores e poder acompañalas por exemplo a recibir atención psicolóxica, xa que a norma só prevé o dereito á asistencia social da propia traballadora.

 OS INCENTIVOS ECONÓMICOS DOS CONTRATOS DE INTERINIDADE PARA SUBSTITUÍR A TRABALLADORAS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO E OS DA TRABALLADORA QUE FAI USO DA MOBILIDADE XEOGRÁFICA, TEÑEN QUE TER UNHA BONIFICACIÓN DO 100% INCLUÍDOS OS RISCOS PROFESIONAIS E OS DE RECADACIÓN CONXUNTA, ASÍ

 As empresas que formalizan contratos de interinidade para substituír a traballadoras vítimas de violencia de xénero que suspenderan o seu contrato ou exercitaran o dereito á mobilidade xeográfica, terán unha bonificación do 100% das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns durante a suspensión ou 6 meses no caso de mobilidade, pero os incentivos económicos tíñanse que ter equiparado aos dos casos de contratos de interinidade para substituír ás persoas que están desfrutando do permiso de maternidade, adopción, acollemento ou risco durante o embarazo, de forma que a exención do 100% da cota empresarial abarcase a totalidade das continxencias polas que ten que cotizar a empresa, incluíndo as de riscos profesionais e as de recadación conxunta.

 Así mesmo, a persoa a contratar debería ser desempregada, e o contrato da persoa que fai uso do dereito á mobilizade xeográfica tamén debería ter unha bonificación do 100%.

 RECLAMAMOS A NECESIDADE DE ACCESO Á PRESTACIÓN POR DESEMPREGO PARCIAL NOS CASOS DE REDUCIÓN DE XORNADA

 A Lei de Medidas de Protección Integral establece como situación legal de desemprego para poder percibir a prestación, os supostos de suspensión e extinción do contrato de traballo da traballadora vítima de violencia de xénero, pero reclamamos a posibilidade de acceso á prestación no caso de acollerse á redución de xornada (prestación por desemprego parcial), polo que habería que modificar a Lei Xeral de Seguridade Social.

 O artigo 21.2 da Lei de Medidas de Protección Integral establece tamén que para os casos de suspensión do contrato de traballo por violencia de xénero, este tempo será considerado como período de cotización efectiva a efectos das prestacións da Seguridade Social e desemprego, pero é necesario tamén, que inclúa a incapacidade temporal e o risco no embarazo.

 É NECESARIO SUSPENDER A PERCEPCIÓN DA PRESTACIÓN POR VIUVEZ OU ORFANDADE AOS PERCEPTORES IMPUTADOS OU PROCESADOS POR DELITOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

 Reclamamos a modificación da Disposición adicional primeira da Lei de Medidas de Protección Integral restrinxindo o dereito a percibir a prestación por viuvez ou orfandade da que puideran ser beneficiarios os fillos e fillas das partes, de forma que quedara suspendido dende o momento en que o perceptor é imputado ou procesado por un delito de violencia de xénero. Non pode ser que se vincule á existencia de condena en sentenza firme, e que se a hai, non se obrigue á súa devolución.

 HAI QUE REVISAR A ESIXENCIA DA ACREDITACIÓN DA SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO ÁS TRABALLADORAS

 A acreditación é necesaria para acceder ao recoñecemento dos dereitos recollidos na Lei, pero deixa sen protección aquelas situacións nas que a traballadora vítima de violencia de xénero non denuncia, xa que aínda no mellor dos casos, cando a empresa coñeza a situación e acorde coa traballadora a concesión de dereitos laborais, esta non poderá acceder á protección dos dereitos recoñecidos na Seguridade Social, polo que é aconsellable reflexionar e revisar en profundidade sobre a esixencia deste requisito en cada caso para o acceso aos dereitos laborais e de SS.

 Dende UGT-Galicia, esiximos a revisión de toda a normativa existente ao respecto, xa que non podemos esquecer que están en xogo dereitos fundamentais tan transcendentes como o dereito á vida e á integridade das mulleres e o dereito á igualdade e non discriminación por razón de xénero.

 Consideramos esencial o papel do sindicato na erradicación da violencia de xénero, fundamentalmente no ámbito laboral, a través da nosa presencia nos centros de traballo, como garantes do cumprimento das obrigacións empresariais en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo, así como da protección dos dereitos das traballadoras vítimas de violencia de xénero.

Modificado o ( lunes, 24 de noviembre de 2014 )
 
< Anterior   Siguiente >