Inicio
 
     
Actualidade
Os traballadores denuncian o desmantemento de Cerámicas do Castro en Sada Imprimir E-Mail
Escrito por MCA-UGT Coruña   
miércoles, 15 de octubre de 2014

Os traballadores denuncian o desmantemento de Cerámicas do Castro en Sada

 

O Comité de Empresa e os Sindicatos UGT e CIG denunciaron onte o seu temor ante o proceso de desmantelamento de liñas de produción fundamentais para o seu funcionamento, que está a levar a cabo a Dirección da Empresa, por ordes expresas de Segismundo García Rodríguez; recentemente nomeado novo Presidente do Consello de Administración do Grupo Sargadelos.

Dende o pasado 9 de setembro comezouse a embalar para o seu posterior traslado á Fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo) varios moldes, matrices, modelos e plantillas para a fabricación de pezas de porcelana que sempre se elaboraron na Pranta de O Castro, en Sada, onde orixinariamente foron deseñadas.

Ante a inquedanza existente nos empregados de Cerámicas do Castro polo que isto pode conlevar, xa que se desmantela a liña de produción máis rentable e que estaba a contar con máis carga de traballo, o Comité de Empresa solicitou unha reunión urxente co Presidente do Consello de Administración para que se lles informara das causas e as consecuencias que esta decisión podería repercutir sobre a situación da empresa e a evolución do emprego na mesma, sen recibir a día de hoxe contestación afirmativa a dita solicitude de reunión.

Estase conculcando os Dereitos de información e consulta que como Órgano de Representación dos traballadores posúen, máis ben o contrario, a partir de dita solicitude todo son atrancos para a celebración de reunións entre a representación sindical e os traballadores fora do horario laboral e sen interromper o ritmo de traballo, circunstancia esta que nunca antes se dera con anterioridade en Cerámica do Castro, e que poñen de manifesto o absoluto desprezo que Segismundo García Rodríguez sinte cara os Representantes Lexítimos e Legais dos traballadores e os Sindicatos en xeral. Ademais, o Comité de Empresa tamén solicitou reunirse co administrador concursal designado polo Xuíz do Mercantil, quen sí accedeu a tal requirimento, e a quen se lle informou do que estaba a a pasar en referencia aos traslados de material antes suliñados, e de que ninguén informara ao Comité de Empresa, afirmando que descoñecía estes feitos e que dende logo el non tería autorizado estes traslados, nin ordenara o cese de actividade de ningunha das dúas factorías (Sada e Cervo) ofrecéndose, asimesmo, a interceder para que a Dirección da Empresa se reunise co Comité de Empresa.

Estes feitos foron postos tamén en coñecemento do Alcalde de Sada, en reunión celebrada no Edificio do Concello o 15 de Setembro, quen amosou a súa preocupación e a súa vontade de realizar xestións perante a Dirección da Empresa e a Xunta de Galicia, e que no prazo dunha semana esperaba poder dicirlle algo ao respecto aos representantes dos traballadores.

Ante todo isto, e á vista de que a Dirección da Empresa segue sen recibir ao Comité pese as xestións feitas ante o administrado concursal e o Alcalde de Sada, e ante o descoñecemento do que a Dirección planea ao respecto do futuro da Fábrica, o Comité decidiu poñer estes feitos en coñecemento da Inspección de Traballo, e tamén da cidadanía, xa que todo parece indicar que estamos ante unha vontade clara por parte da Dirección de Cerámicas do Castro, S.L. e Sargadelos, S.L.de deixar a fábrica de O Castro sen carga de traballo nas súas áreas máis rentables e sen sequera capacidade real para desenvolver traballos fundamentais. 

Isto só pode interpretarse como unha mala fe por parte da Dirección para facer inviable a Cerámicas do Castro, e polo tanto vulneración das causas que alegou a Dirección para xustificar tanto os sucesivos EREs (especialmente do último que supuxo o despido de 29 traballadoras e traballadores na Pranta do Castro e 41 en Cervo, que a Dirección alegaba como necesarios para garantir a viabilidade das dúas fábricas, e que, cando se vai cumprir un ano, aínda seguen sen cobrar a indemnización, e a meirande parte deles rematan o dereito a cobrar a prestación por desemprego dentro de 5 meses) como o Concurso de Acredores, e a motivación das subvencións e axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia no pasado de cara ao mantemento dos postos de traballo. Salientar ademais, en liña co exposto, que o vindeiro día 15 de Outubro están fixadas sendas convocatorias de Xuntas Xerais Extraordinarias de Socios na Fábrica de O Castro ás 10:30 horas e na Fábrica de Sargadelos en Cervo ás 17:00 horas, nas que na Orde do Día, entre outros, vaise prantexar a fusión das dúas fábricas...

Dende o Comité de Empresa de Cerámicas do Castro e os Sindicatos CIG e UGT, queremos manifestar publicamente a nosa preocupación polo futuro da factoría de O Castro, que conta na actualidade cunha plantilla de 46 traballadores e traballadores de elevada cualificación, con verdadeiros artesáns na elaboración de pezas de alta cerámica, na que a meirande parte son mulleres do Concello de Sada, cunha experiencia ampla e cun máis que demostrado compromiso coa empresa ao longo da súa historia, dende a súa fundación no ano 1949 en O Castro (Sada), embrión do futuro Grupo Sargadelos.

E, compre salientar tamén, que no só se perdería una empresa e varios postos de traballo nun concello e nunha comarca cun tecido industrial e laboral cada vez máis depauperado pola crise, senón tamén un referente cunha historia recente vencellada ao ámbito cultural de Sada e o seu contorno e comprometida sempre, dende o seu inicio coa cultura galega, albergando nas súas instalación o Museo Carlos Maside, a editorial Edicións do Castro, o restaurado Seminario de Estudos Galegos, etc. Por todo elo, facemos un chamado a todos os colectivos veciñais, ao tecido empresarial e asociacións culturais de Sada, e demais concellos que conforman As Mariñas e a comarca coruñesa en xeral, a Corporación Municipal do Concello de Sada para que secunden e apoien todas as mobilizacións que se fagan a partir de agora, e ao seu Alcalde, Ernesto Anido, para que publicamente se poña dunha vez á fronte para que se garanta o funcionamento, pervivencia e futuro de Cerámicas do Castro e o mantemento dos postos de traballo, e faga cantas xestións sexan necesarias ante a Xunta de Galicia e ante a propia Dirección do Grupo Sargadelos.

 

Modificado o ( jueves, 16 de octubre de 2014 )
 
< Anterior   Siguiente >