| FETE-UGT NON convoca aos traballadores da rede concertada á folga do día 22 |
|
|
| Escrito por FETE-UGT | |
| miércoles, 16 de mayo de 2012 | |
|
FETE-UGT NON convoca aos traballadores da rede concertada á folga do día 22 de maio por entender a mobilización como específica do sector público de ensino universitario e non universitario.
Non obstante os traballadores do Ensino Concertado de FETE-UGT, como traballadores integrantes do sistema público educativo, rexeitamos enerxicamente a política de recortes aplicados nos servizos públicos esenciais que as distintas Administracións Públicas están executando, amparándose na gravidade da crise económica... FETE-UGT sempre defendeu a existencia dun servizo público educativo social, solidario, equitativo e de calidade. Non pode haber calidade se non se inviste en cadros de persoal suficientes como para abordar os programas necesarios ou para dispoñer de profesorado titulado e cualificado suficiente para que o alumnado poida acadar a súa realización persoal e laboral. Os traballadores do Ensino Concertado apoiamos aos compañeiros dos Ensinos Público e Universitario nas súas reivindicacións. Porque temos experiencia en traballar en condicións de dureza e máxima esixencia sabemos que calidade e cantidade na docencia non son compatibles, de aí a nosa reivindicación na xusta clarificación da xornada lectiva para o noso sector. Desde logo, non buscamos a homologación laboral cos nosos compañeiros do ensino público pola inxusta vía de que lles empeoren a eles as súas condicións laborais, senón todo o contrario. O Ensino Concertado ten un rateo de profesores por unidade concertada realmente escaso que fai que calquera situación extraordinaria deixe aos centros educativos nunha situación próxima á de non poder impartir o currículo oficial, o que impide xa máis recortes neste capítulo. Pero se se produce un incremento significativo de alumnos por aula, como permite o RD 14/2012, poderán perderse numerosos postos de traballo no ensino concertado. Isto resultaría dramático na nosa comunidade, dada a negativa da Consellería de Educación a negociar un novo Acordo de Mantemento do Emprego que posibilite a recolocación de quen perda o seu posto de traballo no sector. O seguinte recorte ao Ensino Concertado parece que vai ser a Paga de Antigüidade. O Programa Nacional de Reformas, enviado polo Goberno a Bruxelas como declaración de intencións para os próximos anos, xa anuncia a supresión da mesma; previsiblemente, para xustificar o recorte educativo en 4.000 millóns de euros. Estamos cos nosos compañeiros do ensino público. Todos somos traballadores dun servizo público educativo e non imos permitir que nos enfronten aos uns cos outros. Todos somos traballadores, todos somos compañeiros. |
|
| Modificado o ( miércoles, 16 de mayo de 2012 ) |
| < Anterior | Siguiente > |
|---|








