Inicio
 
     
Actualidade
Cifras de paro en Galicia Imprimir E-Mail
Escrito por UGT GALICIA   
viernes, 02 de diciembre de 2011

UGT denuncia que de cada dez nove parados, dous son galegos

Galicia é a CCAA con maior perda de afiliados á Seguridade Social

Para UGT-Galicia, os datos do desemprego reflicten unha realidade moi preocupante en todo o Estado pero aínda máis en Galicia , polo que xa chegou o momento de que o Goberno da Xunta asuma a súa parte de responsabilidade, deixe de culpabilizar en exclusiva ao Executivo central e poña enriba da mesa as medidas necesarias para mellorar a situación...

Medidas que o Sindicato considera que, para nada, deben ir polo camiño aberto polo Goberno galego en materia de axustes, sobre todo no eido dos servizos públicos, facendo aínda máis precaria a situación dos que menos teñen, e duns Orzamentos para o 2012 que, baixo criterios de austeridade, o único que van facer é cronificar a situación de destrución de emprego.

O Goberno da Xunta non pode esquecer que de cada dez novos parados rexistrados no Estado, dous son galegos e que os datos da Seguridade Social son tamén realmente preocupantes. Esta é a segunda autonomía con maior perda de afiliados no ano, tan só superada por Castela A Mancha.

É evidente que a Xunta non pode fuxir da súa responsabilidade, aínda que tamén existe unha responsabilidade compartida polo gobernos central e a UE. En relación a este último punto, UGT-Galicia considera que o BCE debería utilizar as súas competencias para facer fronte á acción dos especuladores e o Sindicato insiste en que as políticas de redución do déficit actuais non son a solución á crise.

En definitiva, é prioritario retomar o protagomismo das persoas e do emprego, en lugar de estar sometidos ás inacabables esixencias dos mercados.

En relación a unha posible nova reforma laboral, UGT considera que non é o máis importante nestes momentos. Non é a dimensión dos problemas deste país, a pesar de que o problema máis urxente a resolver é o desemprego pero unha enésima reforma laboral non é a solución aos altos índices de paro, como ademais, xa o ten demostrado a do ano 2010 que se amosou totalmente estéril en materia de creación de emprego e, aínda por enriba, o único que fixo foi incrementar a precariedade. A única forma de crear emprego é que a economía bote a andar e, para iso, tampouco son boas receitas as medidas de axuste que están afogando unha posible recuperación económica.

Concretando as estatísticas facilitadas hoxe, especificar que no mes de novembro aumenta o desemprego en Galicia en 11.274 persoas, o que supón porcentualmente un 4,7 por cento, moi por enriba do 1,37 por cento do Estado. De feito, é alarmante que o 19 por cento do total do incremento do desemprego no Estado corresponde a esta autonomía que, en valores absolutos, é a que rexistra un maior incremento.

Nun ano medra o desemprego en 21.695 persoas, o 9,36 por cento, tamén por enriba do 7,55 por cento estatal.

Por sexos, medra en ambos, o 3,46 por cento entre as mulleres e o 6 por cento entre os homes. A pesar disto, as mulleres seguen a ser o colectivo más prexudicado, xa que do total do desemprego o 52,4 por cento é feminino.

En termos interanuais o desemprego medra en ambos colectivos, o 13,80 por cento no caso masculino e un 5,65 por cento entre as mulleres.

O paro entre os máis mozos, menores de 25 anos, medra máis que no total de idades, un 7,81 por cento no mes, áinda que interanualmente diminúe un 0,13 por cento.

Por provincias, na que máis aumenta o paro é en Lugo, o 7 por cento; Ourense, 6,98 por cento; A Coruña, un 4,06 por cento; e Pontevedra, un 4,05 por cento.

Interanualmente, destaca o fortísimo incremento de Pontevedra, un 11,03 por cento, nada máis e nada menos que 10.032 desempregados máis. En A Coruña o incremento foi do 8,52 por cento; en Lugo, do 8,49 por cento; e en Ourense, do 7,29 por cento.

Por sectores, o desemprego aumenta en todos. Moi salientables resultan os casos da construción, cun aumento do 5,94 por cento, e da industria, cun incremento do 4,6 por cento. En termos interanuais os sectores máis afectados tamén son estes dous, cun aumento do 17,4 por cento e do 10,6 por cento. Sumado isto ao forte incremento no sector primario, interanualmente nun 12,4 por cento.

Outro dato é o relativo ao número de contratos rexistrados en novembro, un total de 50.400 en Galicia, diminuíndo nun 11,78 por cento os niveis de contratación, fronte á baixada do Estado que foi do 5,94 por cento. Rexistráronse 3.681 contratos indefinidos e 46.719 temporais. É evidente que a precariedade segue a imperar no mercado laboral.

En relación ás taxas de cobertura, hai en Galicia en outubro de 2011 un total de 146.395 beneficiarios das prestacións por desemprego. Caendo a taxa de cobertura ata o 68,1 por cento. Hai 58.730 beneficiarios do subsidio por desemprego e 10.712 da renda activa de inserción, o resto corresponden ás prestacións de carácter contributivo.

Os datos provisionais de afiliación á Seguridade Social amosan que o número de afiliados en Galicia cae con respecto a outubro un 0,72 por cento, o que en termos absolutos supón 7.042 persoas menos. Esta autonomía está en valores mínimos con tan só 974.345 afiliados. De feito, interanualmente, esta é a segunda comunidade con peor comportamento, cunha diminución do 3,13 por cento, tan só precedida por Castela A Mancha, cunha baixada do 4,91 por cento.

Modificado o ( miércoles, 07 de diciembre de 2011 )
 
< Anterior   Siguiente >