Inicio
 
     
Actualidade
FETE-UGT, CCOO, FSIE e USO interpoñen conflito colectivo contra Educación e a Patro Imprimir E-Mail
Escrito por FETE- UGT   
martes, 14 de diciembre de 2010

FETE-UGT, CCOO, FSIE e USO interpoñen conflito colectivo contra a Administración educativa e a Patronal polo incumprimento do Acordo

 

En Galicia no ano 2008 asinamos un Acordo, sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino (BOE 30 de maio de 2008). Dúas foron as melloras fundamentais que acadamos:
  • Incremento salarial de 150€ entre os anos 2008-2010 e 2% no CRCA.

  • Redución a 24 horas lectivas semanais.

Estas dúas melloras non se están aplicando na súa totalidade porque a Administración e a Patronal están incumplindo o Acordo

A Administración

A Consellería deixou de aplicar o antedito acordo desde xaneiro de 2010 e non nos incrementou os 45€ máis o 2% do CRCA que nos correspondían.

Para aplicar esta medida, a Consellería utilizou dous argumentos legais:

1. O art. 13 pto 4 do proxecto de orzamentos di: Durante o ano 2010, debido ás actuais circunstancias económicas excepcionais e conforme ao previsto na línea Dez do artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, suspéndese a aplicación dos pactos ou acordos que supoñan incrementos retributivos.” Polo tanto, suspéndese a aplicación do Acordo. O curioso do asunto é que nos aplican o Estatuto Básico do Empregado Público. Pero… somos nós empregados públicos? Cando convén, parece. Só cando convén...

2. A Lei 3/2010 do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro,de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 en cuxa Disposición Transitoria Cuarta di:

Cuarta.-Concertos, contratos e convenios de colaboración.

Desde o 1 de xuño de 2010, os importes dos concertos, contratos e convenios de colaboración que teña subscritos a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adecuaranse ás novas condicións retributivas que se derivan das previsións desta lei cando conteñan módulos referenciados ás retribucións do seu persoal.

En particular, no ámbito do ensino privado concertado suspéndese o acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as organización patronais e as organizacións sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre condicións laborais para os anos 2008, 2009 e 2010, e a calidade do ensino, no relativo ao establecido na súa cláusula terceira sobre o incremento interanual do 2% no complemento retributivo da Comunidade Autónoma (CRCA) e o incremento de 45 euros brutos mensuais para todo o profesorado en pagamento delegado e xornada completa.”

Aquí o curioso é que a Xunta primeiro aplica a medida e despois inventa a lei para xustificala. Segundo di a lóxica o non aboamento dos 45€ máis o 2% do CRCA desde xaneiro ata o 24 de xuño, cando menos, non é legal.

Resumindo: a Consellería recórtanos o salario en máis de 50€ mensuais aplicándonos a condición de empregados públicos e antes de que entre en vigor a lei que o xustifica . Surrealista.


A Patronal

No devandito Acordo, claúsula 4ª, establécese unha redución a 24 horas lectivas: as actividades lectivas do profesorado se reduzan a un máximo de 24 horas lectivas semanais nas etapas de Educación Infantil, Educación Especial e Educación Primaria (…) o 1 de setembro de 2008. Para o profesorado que imparte exclusivamente na ESO, esta redución a 24 horas lectivas semanais, farase efectiva o 1 de setembro de 2010.”

É dicir, está meridianamente claro que hoxe en día todos os traballadores en pago delegado deberían ter 24 horas lectivas. Na realidade moitos compañeiros aínda seguen impartindo 25 horas lectivas. Á parte das “triquiñuelas”, producto da indefinición do que é lectivo, que permiten que a redución non se sexa real para algúns docentes de infantil e primaria, o que resulta imperdoable é que representantes das organizacións empresariais manifesten que non fan a redución a 24 h para os compañeiros de ESO porque non se está a cumprir o acordo. NON É CERTO. Os termos do Acordo, con respecto ás empresas estanse a cumprir, pois desde setembro de 2008 TODAS están a gozar do incremento de ratios establecido, tamén na ESO.


 O que non se están a cumprir son as expectativas que eles tiñan, nin nós tiñamos cando asinamos o Acordo en marzo de 2008, cunha Administración distinta, a do goberno bipartito, e cando ninguén imaxinaba que padeceriamos una crise económica tan grave como a que sufrimos.


O único que poden dicir que non está a cumprir a Administración que afecta ás organizacións empresariais, e tamén ás sindicais, é á a cláusula sexta que di:

Sexta.-A Administración comprométese a revisar este acordo non máis tarde do mes de setembro de 2010, mediante a convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado coa finalidade, entre outras, de mellorar as ratios e avanzar no proceso de homologación.


Por suposto, é certo que non comezamos reunións conducentes a renovar as ratios e avanzar no proceso de homologación, pero os traballadores non deixamos por iso de cumprir co noso horario, de facer o noso traballo. En tal caso, o que sí debería facer a Administración, cousa que non fixo en ningún caso, é RETIRARLLE OS INCREMENTOS DE RATIOS ÁS EMPRESAS QUE NON ESTÁN A FACER EFECTIVA A REDUCIÓN A 24 HORAS LECTIVAS, pois a cláusula 4ª do Acordo di:“A modificación das ratios indicadas está supeditada a que por parte da patronal se tomen as medidas oportunas para que, dentro da xornada do persoal docente, as actividades lectivas do profesorado se reduzan a un máximo de 24 horas lectivas semanais…”


CONCLUSIÓN: Ante o claro incumprimento do Acordo pola Administración e pola Patronal as organizacións sindicais FETE-UGT, CCOO, FSIE e USO interpoñemos conflito colectivo contra ambas.


Non permitas que che rouben os teus dereitos. Lembra:


Xuntos podemos máis



Secretaría Ensino Privado FETE-UGT Galicia

 

Modificado o ( martes, 14 de diciembre de 2010 )
 
< Anterior   Siguiente >
 
DESTACADOS
ASESORÍA
EN REDE