FETE-UGT proxecta o documental Las maestra de la República na Coruña
Hoxe 23 de maio ás 19:00h na Escola Oficial de Idiomas da Coruña, FETE-UGT proxecta un documental no que se homenaxea ás mestras da República. Introducirán o acto Ana J. López Díaz, Directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña, e Ana Romero Masiá, Catedrática de Xeografía e Historia e autora de numerosos artigos e libros de investigación histórica. A educación constituiu un dos compromisos sociais da II República, que propugnou unha educación pública, obrigatoria, gratuita, activa, laica, bilingüe e solidaria co fin de terminar coa secular discriminación por sexo ou clase social. Dentro deste proxecto de educación as mestras republicanas, que encarnaban o modelo de mulleres modernas e independentes, ocuparon un lugar privilexiado. En boa medida foron elas as responsables da construción e difusión dunha nova identidade cidadá, ao educar aos seus alumnos nos valores de igualdade, liberdade e solidariedade tanto a través da transmisión de contidos nas aulas como, sobre todo, coas súas vivencias persoais, que levaron aos lugares máis apartados de España. FETE-UGT, con este documental, quere lembrar a todas estas mulleres, dar a coñecer o seu traballo e agradecer o seu compromiso e sacrificio por unha das máis nobles tarefas: a educación. En representación destas mulleres, homenaxearemos a Regina e Salomé García Goyanes, mestras da República en Fonsagrada e Pobra de Brollón, na persoa de Ana López Díaz, sobriña neta destas. |